O que máis sabe do Entroido

O que máis sabe do Entroido
24 de Xaneiro, 2020 - 08:46 h. | Publicada por Radio Fene

Ninguén sabe tanto coma el do Entroido en Galicia. Os ferroláns teñen a oportunidade de escoitar a Felipe Senén López este sábado 25 de xaneiro ás oito da tarde no local do Toxos e Froles, na rúa Magdalena 220. Falará das “Variedades do Entroido en Galiza: tradición, innovación e aculturación”.

ESCOITA O PODCAST:

Conversa sobre o Entroido con Felipe Senén López

http://173.255.131.18/audio/240120LOPEZ.mp3

A tradicional viuva do Entroido en Fene

Desculpámonos primeiro, supoñendo que estará canso de explicar o significado do Entroido no noso país. Lonxe diso, o estudoso fala longo e tendido da festa da primavera e da abundancia, desde a prehistoria, os celtas e romanos ata os bazares chinos da actualidade. Ourense é o paraíso do noso entroido, Monterrei, Laza, Xinzo, o Carballiño. Fálanos dos  peliqueiros, das madamiñas e dos galáns. Di Felipe Senén que a chegada do entroido é como “abrir o baúl”.
A aculturación ven ser como utilizar a festa para outros mesteres. Senén pon de exemplo a ocupación das praias no San Xoán. Ou os botellóns e petardeadas que se axuntan ao Carnaval sen ter nada que ver con el.
Falounos do almanaque do Entroido que ven ser unha corentena, o mesmo que a coresma. Segundo as zonas así dura hoxe en dia. E falou das enchentes de porco porque a carne é a raíña.
Felipe-Senén López Gómez, dirixiu o Museo Arqueolóxico da Coruña, é museólogo e técnico de Xestión Cultural da Deputación da Coruña, dende 1974 a 1996. Desempeña o posto de secretario xeral da Real Academia Galega de Belas Artes. Creador e animador de Amigos dos Museos de Galicia. Investigador e divulgador dos máis variados aspectos en relación coa arqueoloxía e a cultura de Galicia. Esta faceta encántalle porque "non se debe so teorizar senón vivir a cultura". Por iso, con Amigos dos Museos acoden en autocar a canto Entroido hai polo país adiante. Un ano toca un e outro ano toca outro.
Sábado ás 8 da tarde disertará sobre “Variedades do Entroido en Galiza: tradición, innovación e aculturación”. Un repaso analítico polos diferentes xeitos de celebrar o almanaque festivo e ritos neste tempo que anuncia a entrada na primavera no mundo rural, agrario e urbano : a catarse participativa, ritos de iniciación, de pasaxe...a forza bruta da natureza, do instinto que invade as normas, o mundo civilizado. Galiza, como poucos pobos ofrece un amplo repertorio que resucita e mesmo compite entre parroquias, como marca de identidade fronte a un novo ritual consumista e tantas influencias polos novos sistemas de comunicación. Máscaras, disfraces, ritos, músicas, gastronomía...unha rica fonte de inspiración creativa.

 

 

 

Cultura

Publica o teu comentario agora