O que pasa co cine é moi doloroso

O que pasa co cine é moi doloroso
22 de Abril, 2020 - 12:45 h. | Publicada por Radio Fene

Cando estaba arrancando e medrando a sala Duplex cinema de Ferrol tivo que apagar a pantalla. A película cortouse en seco. A incertidume de cando abrirán as salas, sigue aí.

ESCOITA O PODCAST:

“Estabamos nun proceso de medre, botando a andar despois dun importante investimento, e ese proceso cortouse en seco. É doloroso” Quen así se manifesta é Ramiro Ledo, xerente do Duplex cinema de Ferrol. Realmente atravesan unha situación difícil, recoñece, porque vai ser un dos últimos sectores en poder recuperarse debido ás propias características de ser espazos pechados. A incertidume é total, hai moitas dúbidas. Ramiro Ledo dános dúas referencias do que fixeron outros países, China abréu os cines, pero volveron pechar porque non había público, e Alemaña ven de anunciar a reapertura das salas para o último día de xullo.

“Eu creo que vai ser difícil recuperar a normalidade ata que non apareza un tratamento ou a vacina” sentencia Ledo. Facendo todos os cálculos posibles, as salas non aguantarían co 25% do aforo ocupado, en caso de ser esa unha solución. Unha das salas do Duplex cinema ten 70 localidades que reducidas a 20 complicarían a viabilidade.

Fixándose no que fan outros países, o Duplex cinema abríu unha ventá que nos permite alugar películas por un prezo moi barato a través da páxina duplexcinema.com. Cada venres moven a carteleira con filmes actuáis, de animación para os máis pequeños ou filmes restaurados. Pagando entre 2,95 e 3,95 euros podemos disfrutar da película, non só unha senón, varias persoas. “Isto non reduce as perdas, é algo simbólico, para manter o contacto co público, que saiban que estamos aí”, explica Ramiro Ledo. Engade que esa é a única razón, en ningún momento competir coas plataformas existentes porque "o noso é un proxecto local, carente de vocación global".

Despedimos a Ramiro Ledo cunha data de retorno na cabeza, setembro. Ogallá volvamos ao cine en setembro. Onde hai que asinar?

(Na imaxe, Ramiro Ledo, con motivo da reinauguración do cine ferrolán. 10 outubro 2019) 

Cultura

Publica o teu comentario agora