O símbolo do poder

O símbolo do poder
22 de Decembro, 2019 - 11:00 h. | Publicada por Radio Fene

O convento de Montefaro é símbolo do poder. O poder da nobleza que o construiu a finais do século XIV. O poder da igrexa que o rexentou durante anos ata comezos do século XIX. O poder do exército que o utilizou ao longo da pasada centuria.

O convento de Montefaro albergou o cuartel de Artillería

O rei Henrique II de Trastámara doa Ferrol, Pontedeume e Mugardos a Fernán Pérez de Andrade en 1371. O arcebispo de Santiago deulle licenza a Fernán Pérez de Andrade para fundar o convento de Santa Catarina de Montefaro en 1393. Catro anos máis tarde o Andrade cédelle a xurisdición de Mugardos ao mosteiro, tendo entre outras a obriga de conducir o viño da súa colleita desde Miño ata o convento. Os freires eran donos e señores no temporal da vila e posuían a xurisdición civil e criminal. Os monxes impoñían fortes cargas aos vasalos. Mugardos pon un preito que dura trescentos anos para liberarse da dependencia de Montefaro. Gañará o xuízo en 1803, poucos anos antes da desamortización que xa anulará eses privilexios eclesiásticos.
Os Andrade
Fernán Pérez de Andrade era vasalo do conde de Lemos. Na guerra fratricida entre o lexítimo rei Pedro Primeiro e o bastardo Henrique, Andrade defende primeiro a Pedro. Logo apoia a Henrique Segundo. En premio, Henrique II confírmalle a doazón de Ferrol, Pontedeume e Mugardos.  Segundo o cronista Vasco da Ponte, Andrade era moi dado a mulleres. Os abusos dos Andrade orixinarán as guerras irmandiñas. A primeira en 1431 e a segunda entre 1467 e 1469.  O mosteiro de Montefaro artisticamente responde a un estilo románico tardío con elementos do gótico inicial. Practicamente non se conserva nada do orixinal, debido ás importantes reformas efectuadas nos séculos dezasete e dezaoito, á desamortización e aos usos alleos ás súas funcións no século vinte. No lenzo mural norte do templo, cara ao claustro, consérvanse moi deterioradas unha serie de pinturas datadas no século dezaseis. Hai pezas no Museo Arqueolóxico da Coruña, o blasón dos Andrade coa lenda fundacional do mosteiro e a escultura do anxo gaiteiro. Despois da desamortización en 1835, o mosteiro queda abandonado e en estado ruinoso. Nun corto período de tempo foi utilizado como escola. En 1897 cédese ao Ministerio da Guerra que comeza as obras para utilizar o edificio como cuartel de artillería. As obras continúan ata 1904 habilitándose estancias para acoller a case trescentos artilleiros.  
Golpe de estado
En 1936  o cuartel é un dos puntos clave da comarca. A dotación conta con setenta soldados. Un grupo de soldados queren manterse fieis á República, pero os mandos secundan o golpe e fanse co control das instalacións. Sete soldados marchan de Montefaro co seu armamento e únense aos carabineiros de Mugardos para defender o réxime legalmente establecido. O edificio continuou utilizándose como acuartelamento ata que no ano 2000 foi cedido polo Ministerio de Defensa ao Concello de Ares para o seu uso con fins públicos durante un período de vintecinco anos.

.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora