O sacerdote e a enfermeira na gripe de 1918

O sacerdote e a enfermeira na gripe de 1918
19 de Marzo, 2020 - 09:55 h. | Publicada por Radio Fene

Barallobre e Ares foron dous lugares da comarca de Ferrol que padeceron especialmente a gripe de 1918. Nas dúas zonas a actividade dun crego e dunha muller da igrexa evanxélica extenderon prácticas de hixiene e lograron evitar que o andazo fora a máis. A fame e a falta de xabrón provocaran un aumento da mortalidade.

 

Antonio Casás, crego párroco de Barallobre

Segundo un estudio do psiquiatra e historiador David Simón Lorda, a gripe propagouse en tres ondas entre 1918 e 1919. Extendeuse inicialmente na primavera do 18 a partir de Madrid. Foi unha onda suave e permitiu a quen a padeceu, inmunizarse de novos ataques. . En outono dese ano chegou a pior parte principalmente á Coruña e a Ourense. Entre agosto do 18 e abril do 19 o número de mortos por cada 10.000 habitantes a causa de problemas respiratorios foron 145 en Ourense, 127 en A Coruña, 110 en Lugo e 89 en Pontevedra. No conxunto do Estado Español, 92.

 

Nese ano o médico Rodriguez publicou una Coruña o “Manual completo de la gripe”, unha das poucas publicación monográficas realizadas acerca da pandemia gripal. O doutor Pastor Nieto tamén elaborou un informe sobre a doenza en Ferrol. En Galiza morreron arredor de 25.000 persoas en dous meses. Suspenderonse ese ano as festas de San Froilán en Lugo, As San Lucas en Mondoñedo e os Santos de Monterroso. Fecháronse as escolas, prohibiuse a celebración de bailes públicos e toda xuntanza “que dea lugar á aglomeración de xente”. Recomendábase á cidadanía, “observar as maiores regras de hixiene, tendo ben limpas e ventiladas as habitacións”, segundo o Boletín Oficial da Provincia de Lugo de 30 de setembro.

 

Don Antonio

Barallobre sufriu con moita intensidade esa gripe de 1918. O crego daquela, don Antonio Casás actuou decisivamente en contra da doenza, utilizando os seus coñecementos de enfermería. O sacerdote recibiu con posterioridade unha medalla en sinal de gratitude pola súa actuación contra a gripe. Tamén en Ares a gripe provocou mortes e consecuencias insospeitadas. En Ares, chegaran pouco tempo antes Don Arturo e Dona Eloisa Ginnings, pastores evanxélicos. Ela era enfermeira e foi determinante o seu papel asistencial na crise da gripe. A comunidade evanxélica de Ares entre 1918 e 1931 formárona membros pertencentes a unhas once familias, segundo o libro de Benito González Raposo “O protestantismo en Galicia”.

 

Durante os últimos meses da Primeira Guerra Mundial, unha virulenta cepa do virus da gripe estendeuse rapidamente por todo o planeta infectando a un terzo da poboación mundial e causando a morte de decenas de millóns de persoas. A pandemia estendeuse a gran velocidade por todo o mundo e en só 18 meses infectou a un terzo da poboación mundial. A férrea censura dos países implicados na Gran Guerra escondeu a súa gravidade, pero os estudos actuais elevan o número de mortes de a 50 millóns de persoas. Se ese cálculo é correcto, a pandemia matou a máis xente que a Primeira Guerra Mundial.

Sociedade

Publica o teu comentario agora