O sector lácteo mobilizou a toda a sociedade civil da Terra Chá

O sector lácteo mobilizou a toda a sociedade civil da Terra Chá

08 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Terra Chá reaccionou con forza á crise pola que está atravesando o sector lácteo galego. Uns 1.500 veciños, segundo a organización, chegados dos concellos chairegos sumáronse aos gandeiros, organizacións labregas, asociacións de comerciantes e ás distintas forzas políticas para reclamar unha solución inmediata que impida o desmantelamento do rural en Galicia. O apoio non estivo soamente sobre o cemento da Praza da

A mobilización, que comezou contra as 12.00 horas, serviu para reivindicar unha maior atención cara un sector en crise, tal e como indicou Margarida Prieto Ledo, do Sindicato Labrego Galego (SLG). “Os representantes dos distintos partidos políticos deben defender as nosas reivindicacións, tanto a nivel da comunidade, do ministerio e onde se toman todas as decisións, que é a nivel europeo”, estableceu Ledo. A representante do SLG na Terra Chá abogou por “repensar a política agraria” e rexeitou “seguir adiante no tema de liberalizar o mercado do leite”. Ledo considerou a necesidade de “manter o control da produción e adaptala ao consumo interno de Europa para non agravar mais a situación”

 

Julio Guntín, de Unións Agrarias, tamén pediu unha maior atención das administracións, ás que culpou de “mirar para outro lado”, e estimou a obrigatoriedade de “buscar solucións inmediatas e eficaces”, sobre todo “cando noutros sectores rápidamente hai solucións”. Estas pasarían por “comezar a controlar as exportacións, a trazabilidade do leite, a garantía e recollida da mesma a prezos de mercado, controlar todos os problemas que estamos tendo, que son moitos, e que entre todos e coas administracións ao noso lado deberíamos de gañar esta batalla”.

Xóvenes Agricultores (XXAA), por boca de Cheri Grandío, agradeceu o apoio da cidadanía e do sector servizos que se sumou a esta xornada de protesta, xa que foron conscientes da importancia que ten o leite para o rural galego. “O 30% dos concellos de Galicia son rurais e dependen da economía do sector agrario. Están en perigo uns 100.000 postos directos e indirectos de traballadores do medio rural. Indirectamente aféctalles ao sector comercial e ao sector servizos e a todos os niveis”, apreciou Grandío. A membro de XXAA non perdeu a ocasión de pedir ao Ministerio de Medio Rural e Mariño que “respondan aos problemas do campo” e que traten de “solucionar o problema xa”, porque o sector está ao borde da “agonía”, pois os produtores están a ter moitos mais “gastos que ingresos e así é imposible vivir”.

A deputada do PSdeG no Parlamento galego, a vilalbesa Sonia Verdes, tamén estivo presente na manifestación e pediu “solucións de inmediato” para as explotacións que poden “pechar as súas portas”. Para elo, reclamou unha acción conxunta das tres administracións e os sectores implicados, ademais de recalcar que o actual Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez Casado, ten competencias para actuar. “Debe existir unha acción conxunta e coordinada das tres administracións e cos sectores tamén implicados, como os produtores, ca industria e cos distribuidores, pero o Conselleiro de Medio Rural ten competencias para traballar e debe facelo xa”, opinou Verdes.

Por último, o vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, apuntou na mesma dirección de Verdes e solicitou que se tome partido desde os poderes públicos. “Tódalas administracións deben tomar partido. En primeiro lugar debe facelo o goberno galego, que amosou certa pasividade ata este momento e debe actuar inmediatamente tomando as medidas necesarias e facendo que outra administración, como é o Estado, arbitre as medidas precisas e entre todos empurremos para conseguir unha negociación a nivel europeo que teña en conta as características do sector a nivel galego”, dixo Bao.

Despois da marcha, que transcorreu polas principais rúas da vila, fíxose lectura dun manifesto conxunto de todas as forzas sindicais do campo galego e mais da Asociación Cooperativista AGACA. No texto agradeceuse a solidariedade dos veciños da comarca e pediuse aos responsables políticos que baixen ao “terreo da realidade” e deixen de “teorizar nos seus despachos” para buscar solucións “rápidas e efectivas”. A continuación, expuxéronse unha serie de reivindicacións como a garantía de recollida do leite a prezos dignos, un plan estratéxico con medidas económicas, fiscais e de refinanciamento da débeda, a adopción de mecanismos que impidan a importación de leite de outros países a un prezo mais baixo do custe de produción, medidas de trazabilidade do produto, liñas de apoio ás cooperativas e unha coordinación desde o Ministerio de Medio Rural e Mariño coas comunidades autónomas dun programa de control de prácticas anti-dumping

Na concentración estaban presentes todas as forzas políticas da comarca, representadas polos seus alcaldes, Gerardo Criado, Vilalba; José Pardo, de Castro de Rei, Tomás Rodríguez, Xermade; José Antonio Vázquez, Begonte ou Francisco XoséFernández Montes, de Rábade. Ademais, tamén contaron coa presenza da deputada do PSdeG no Parlamento de Galicia, Sonia Verdes, e da Asociación de Empresarios de Muimenta e a Comisión Organizadora da Moexmu, que portaron unha pancarta de apoio ao sector lácteo.

Sociedade