O secuestro do Santa María, o comezo do fin da dictadura en Portugal

O secuestro do Santa María, o comezo do fin da dictadura en Portugal

02 de Novembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Natural da Pobra do Caramiñal, José Fernández Vázquez, coñecido como o comandante Soutomaior, organizou a resistencia antifanquista no Barbanza e, tras décadas de exilio, loitou coas guerrillas de Venezuela, China, Vietnam ou Laos; un currículo que fai que algúns o denominen como o “Ché Guevara galego”. Porén, na súa traxectoria revolucionaria un feito destaca por riba de todos os demais: foi un dos líde

En 1961, 24 comandos armados do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) asaltaron o paquebote portugués Santa María, con 800 pasaxeiros a bordo, unha acción que tiña como obxectivo derrocar as ditaduras de España e Portugal. Foi o primeiro secuestro dun barco con fins políticos que se produciu na historia e na súa preparación e execución xogaron un papel moi relevante dous galegos: o celanovés Xosé Velo, fundador do DRIL e ideólogo da acción, e o propio comandante Soutomaior, que pola súa experiencia na Mariña se encargou de dirixir o buque, ao que hai que engadir a participación dun terceiro comandante, o portugués Henrique Galvão. A idea, segundo explicou nos micrófonos de Radiofusión Xurxo Martínez Crespo, era levar o barco a África, onde estaban xurdindo as loitas dos movementos de liberación contra o réxime portugués. Non conseguiron ese obxectivo, pero si “acadaron a atención mediática internacional nun momento no que as ditaduras de Franco e Salazar non saían xa nos xornais”, argumenta Martínez Crespo sinalando que ocuparon portadas de publicacións como o New York Times ou Paris Match. Ademais, na opinión deste investigador o asalto foi "a espoleta do principio do fin da ditadura portuguesa”. O 4 de febreiro de 1961 os secuestradores do Santa María chegaron a Brasil e esa mesma xornada comezou a guerra da independencia en Angola.

Os feitos que relata Martínez Crespo están recollidos no libro 24 homens e mais nada. A captura do Santa María, escrito polo comandante Soutomaior, que el transcribiu, traduciu ao galego e sacou á luz por vez primeira. O manuscrito chegou ás súas mans a través da súa amizade co fillo do revolucionario, Federico Fernández, quen en moitos sentidos seguiu os pasos do seu pai. Participou con el no asalto ao Santa María, formou parte das guerrillas venezolanas e, uns anos máis tarde, colaborou no secuestro doutro buque, tralo que foi detido. Tras pasar 5 anos na cadea, dedicouse á fotografía. “Trátase dun dos mellores e máis importantes fotógrafos latinoamericanos vivos”, destaca Xurxo Martínez.

Sociedade