O Seixo en festas

O Seixo en festas

23 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Cunha queimada, no local da Sociedade Amigos da Paisaxe do Seixo, ábrese o programa de actos das festas patronais da parroquia mugardesa. Será ás nove da noite cando se poida beber a augardente. Os festexos polo Santiago Apóstolo no Seixo continán mañá coa tradicional Festa das Merendas, que este ano chega a súa 49 edición. Sobre as once da mañá, o campo da festa encherase de xente para participar nesta comida veciñal

A maioría das persoas preparan o xantar no propio campo da festa, aínda que hai algúns “sibaritas” que a traen da casa, explicou en Radio Fene, Tomás García, un dos membros da comisión de festas. As comidas acompañaranse de música de gaitas e da sesión vermú a cargo da Orquestra Agua Azul.  Haberá premios para as mellores merendas. A media tarde, arredor das seis, organízase unha festa da escuma para os máis pequenos. Novamente a Orquestra Agua Azul arrufará a verbena nocturna poñendo o broche final á xornada dominical. 

As gaitas percorrerán a parroquia dende a primeira hora do luns 25 de xullo. Tras a misa solemne,  principia un dos momentos máis agardados das festas, sobre todo, polos máis mozos: o trébole. Un pasarrúas peculiar, na que os xóvenes van agarrados da man percorrendo os rueiros e chamando ás portas. Partirán dende o cruce de A Gallada ata o peirao. A Orquestra Tropicana tocará na sesión vermú e tamén na verbena nocturna á que se suma a Orquestra Agua Azul.

No último día de festexos disputarase un campionato de dados e ás seis da tarde programaronse xogos tradicionais para os nenos. O fin de festa pórao a música da orquestra Suavecito.

Sociedade