O sexo sen tópicos nen típicos

O sexo sen tópicos nen típicos

16 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A compañía Eme2 presentará este venres ás 20.30 horas no Teatro Jofre o espectáculo “Sexo, por que non?”, unha adaptación do texto El Zen o el arte de follar de Jacopo Fo, fillo do dramaturgo italiano Darío Fo, que contou coa colaboración da súa nai, Franca Rame na súa concepción.

“Sexo, por que non?” é unha comedia reflexiva para moz@s e maiores dirixida por Álvaro Lavín e interpretada pola recoñecida actriz pontesa Mercedes Castro -Amelia na serie da TVG Padre Casares-. Preséntase como un punto de encontro humorístico para rachar cos tópicos e os tabús sobre o encontro carnal. Isto lógrase fuxindo do bombardeo pornográfico, do tópico e do chiste fácil, tratando de dar resposta a preguntas como “Por que nunca falamos de sexo?”, “Por que se o facemos sempre o tomamos desde os complexos e o estereotipo?” ou “Xa que o sexo é unha parte central das nosas vidas, por que nos é tan difícil compartir as experiencias que o rodean?”.  

Todas estas, cuestións que se plantexa a protagonista nun monólogo en clave de comedia co que pretende facer reflexionar ao público sobre o descoñecido que son os encontros carnais para a cidadanía occidental e por que non falan de sexo cando é unha das bases da vida.

Cultura