O SLG organiza mañá unha xornada informativa sobre as minas en Muimenta

O SLG organiza mañá unha xornada informativa sobre as minas en Muimenta

15 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Sindicato Labrego Galego (SLG) porá en marcha mañá en Muimenta, Cospeito, unha xornada informativa sobre a problemática das minas de cuarzo na Terra Chá. Esta iniciativa, que terá lugar no Asador Cabuxo desta localidade chairega, comezará as 11 horas da mañá e se estenderá ata as 18.00 horas da tarde.

A xornada dará comezo coa proxección do vídeo “As minas de cuarzo na Terra Chá”, que foi realizado por Ana Doval, Begoña Otero, Iria Gómez e Paula Sinde, todas elas alumnas do IES Meira, e no que se recollen varias testemuñas das diferentes partes inmersas no conflito. A continuación, tras o audiovisual, terá lugar un coloquio entre aqueles que acudan a este acto.

 

Tras unha pausa para xantar, a partir das 16 horas da tarde terá lugar a charla informativa a cargo do profesor na Escola Politécnica Superior de Lugo, Xan Neira Seijo, “Incidencia da extracción de seixo no solo”, onde se  abordará, desde unha perspectiva científica, os impactos que a extracción mineira ten nos terreos onde se leva a cabo.

Con esta xornada adicada ás minas, o Sindicato Labrego Galego pretende informar das novidades que pode haber a nivel xurídico, ao tempo que se debaterá esta problemática cos participantes, recollendo as propostas que poidan xurdir de cara a continuar coa súa oposición contra estas concesións.

Os organizadores cifran a asistencia en torno ás 30 persoas, entre gandeiros e representantes das asociacións que forman parte da Comisión en contra das minas de seixo. Tamén confirmaron a súa participación Lídia Senra, responsable na Executiva do SLG da Secretaría de Organización, e Jose Pérez Rei, da Asesoría Xurídica do mesmo sindicato.

A loita contra as concesións mineiras na Terra Chá.

Desde o ano 2007, o SLG promoveu varios recursos de alzada e revisión solicitando a nulidade das concesións das minas á empresa Erimsa na Terra Chá.  Algúns destes recursos atópanse, na actualidade, sen resolver e en distintas fases. Tamén se teñen presentado escritos dirixidos ao Valedor do Pobo, así coma ás distintas administracións que podían ter responsabilidade nestas concesións. Ademais, desde principios deste ano, as asociacións de persoas afectadas presentaron alegacións ás solicitudes de concesión en A Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei, atopándose á espera da resolución das mesmas.

Sociedade