O SLG rexeita o paquete lácteo da UE

O SLG rexeita o paquete lácteo da UE

01 de Abril, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Sindicato Labrego Galego amnosou o seu rexeitamento ao paquete lácteo publicado no Diario Oficial da Unión Europea. O motivo, que senta as bases para que os estados poidan obrigar a asinar contratos sen prezo ás explotacións; ademais de imposibilitar que se poidan negociar os valores do leite de xeito colectivo e a través dunha interprofesional, ao crearse as organizacións de produtores

Isabel Vilalba Seivane, das Executivas do SLG e da Coordinadora Europea da Vía Campesina, sostén que as medidas aprobadas no paquete lácteo “non achegan solucións aos problemas que orixinaron a crise do 2009. Os contratos que se propoñen responden os intereses da industria, e non aos intereses da parte produtora nin da consumidora; e as organizacións de produtores e produtoras (OPL) non van ter máis poder negociador se non hai unha regulación da produción”.

Para o Sindicato Labrego Galego, as únicas medidas que poden atallar a crise endémica que sofre o sector lácteo na Unión Europea e o peche de miles de explotacións cada ano, son tres:

1. Control público da produción e dos mercados como medio imprescindible para manter un equilibrio entre a oferta e a demanda, e para acadar uns prezos dignos, estables e remuneradores para as explotacións.

2. Negociación colectiva do prezo do leite a través de interprofesionais nas que estean representados todos os axentes do sector: explotacións, industrias, distribución, consumidores e consumidoras e administración.

3. Aposta por un modelo sostible a todos os niveis, que garanta a viabilidade das explotacións familiares; fronte á proliferación de grandes industrias de leite que concentran a miles de animais e usan un modelo insostible a nivel económico, social e ambiental.

De cara a avanzar nestas políticas, o Sindicato Labrego Galego presentou un recurso diante do Ministerio de Agricultura demandando que no Estado Español non se impoñan forzosamente os contratos sen prezo ás explotacións.

Sociedade