O torques de Burela volve ao Museo de Lugo

O torques de Burela volve ao Museo de Lugo

19 de Xuño, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O torques de Burela e outras 40 pezas de ourivaría da colección Álvaro Gil volverán ao Museo de Lugo, grazas ao acordo feito público esta mañá entre a Deputación e a familia do mecenas.

A Deputación de Lugo saldou unha débeda histórica máis da provincia ao recuperar a colección de ourivaría de Álvaro Gil para o Museo Provincial, “conseguindo que pase a ser para sempre patrimonio de todos os lucenses”. Así o destacou o presidente, José Ramón Gómez Besteiro, que ofreceu este xoves en San Marcos unha rolda de prensa acompañado do delegado da área de Cultura, Mario Outeiro, e o secretario do organismo lugués, José Mourelle Cillero, para informar dos detalles do acordo acadado cos herdeiros de Álvaro Gil.

Gómez Besteiro e Mario Outeiro na presentación dos termos do acordo polos que se adquirirá o legado de Álvaro Gil
Segundo explicou Besteiro, hoxe mesmo presentou á Xunta de Voceiros o acordo, que será sometido a votación no Pleno do vindeiro martes. A Xunta de Goberno dará luz verde a vindeira semana ás prescricións técnicas e de cláusulas administrativas que rexerán o contrato de compra-venda que asinarán a Deputación e os herdeiros do mecenas. O presidente adiantou que as 40 pezas de ourivaría estarán de novo expostas no Museo Provincial entre finais de agosto e principios de setembro.

A Deputación comprará por 2.346.200 euros as 40 pezas de ourivaría do legado de Álvaro Gil, ao que se suman 600.000 euros de costas xudiciais, co que o importe total é de 2.964.000 euros. O presidente explicou que o acordo asinado “é máis beneficioso para os intereses xerais da Deputación e de todos os lucenses” que o formulado anteriormente por dúas cuestións fundamentais:

Por un lado, os herdeiros renuncian, dende o momento da sinatura do contrato de compra.venda, a reclamar danos e perdas a través de calquera acción, administrativa ou civil, ademais de desistir da que xa teñen iniciada en maio deste ano ante a Deputación e que ascende a 2,7 millóns de euros.
Por outra banda, o organismo provincial efectuará o pago en cinco anualidades (de 2014 a 2018), adquirindo a propiedade por lotes, pero a familia comprométese a entregarlle todas as pezas en depósito tras a sinatura do contrato.
O presidente desvelou así mesmo que o acordo cos herdeiros de Álvaro Gil estaba listo para presentalo no anterior Pleno provincial, pero foi unha decisión política aprazar o anuncio ata despois das europeas “para non interferir na campaña electoral, unha característica deste goberno e das dúas forzas que o compoñen da que outros deberían aprender”.

Pola súa banda, Mario Outeiro agradeceu o apoio prestado pola Presidencia da Deputación e o equipo de Secretaría e Intervención para alcanzar o acordo cos herdeiros de Álvaro Gil. Incidiu así mesmo na “total discreción e transparencia de cara á oposición e á sociedade coa que se desenvolveron as negociacións”, que desembocaron nun “acordo de goberno para a recuperación dun destacado tesouro do patrimonio material galego”.

Outeiro indicou que a Deputación efectuará o pago en 5 anualidades, entre este 2014 e o 2018, coa seguinte distribución: ano 2014, 6.000 euros por 5 pezas; ano 2015, 568.500 euros por 10 pezas; ano 2016, 568.600 euros por 6 obras; ano 2017, 583.000 euros por 15 pezas; e ano 2018, 584.100 euros, por 4 pezas.

Sociedade