O tráfico da Estrada de Castela sufrirá modificacións durantes medio mes

O tráfico da Estrada de Castela sufrirá modificacións durantes medio mes

23 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Con motivo dos traballos de canalización necesarios para a nova rede de abastecemento e demais servizos de telecomunicacións que se están acometendo na actualidade reorganizarase o tráfico na glorieta da Estrada de Castela coa avenida Nicasio Pérez. Neste senso, a partir das 22.00 horas de mañá, martes, cambiarase de xeito circunstancial e durante aproximadamente quince días a regulación do tráfico na dita zona.

O Concello de Ferrol anuncia que en ningún caso o tráfico quedará pechado. Habilitarase un carril de entrada e un carril de saída que canalizará o tráfico na glorieta e quedará aberto o carril de acceso á Estrada de Castela desde a Avenida Nicasio Pérez, dando así servizo aos comercios da zona. Non obstante, para evitar que se produzan retencións de tráfico e minimizar as consecuencias das mesmas, aconséllanse varias rutas alternativas:

1. A saída da cidade desde a Estrada de Castela farase por Camiño de Barbeito, rúa Venezuela e dirección avenida Nicasio Pérez.

2. A entrada á cidade pola Estrada de Castela desde a zona de Narón non quedará cortada. Aínda así, aconséllase o desvío pola estrada da Trincheira como ruta alternativa.

3. A incorporación á Estrada de Castela desde a saída da AP-9 (glorieta de Basanta) ou zona da Residencia aconséllase desvío cara á estrada de San Xoán. 

As paradas de autobuses non se verán alteradas polos cambios. Non obstante, os traxectos que realizan si poden sufrir algún tipo de modificación pero non afectará de forma importante ao desenvolvemento dos servizos prestados.

Aconséllase precaución na zona e respecto á sinalización circunstancial por mor destas obras e pide desculpas de antemán á cidadanía polas molestias que estes cambios poidan ocasionar, agradecendo a súa colaboración.

Sociedade