O trato das mulleres de El Congo, unha das prioridades da III Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres

O trato das mulleres de El Congo, unha das prioridades da III Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres

28 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Baixo o lema “ Mulleres en marcha até que todos sexamos libres” preséntase esta tarde na Galería Sargadelos de Ferrol a  III Acción Internacional da Marcha Mundial das mulleres, que se celebra o 17 de outubro. No acto daranse a coñecer as actividades que se realizarán, nesa xornada  en Galiza e a nivel internacional así como as do día 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.   

Coas súas Accións Internacionais, que se levan a cabo cada cinco anos( a primeira foi no 2000 e a segunda no 2005, a Marcha Mundial das Mulleres pretende fortalecer a súa identidade como movemento e como mulleres de todos os lugares do mundo.  Segundo a membro da Coordinadora Comarcal de Ferrolterra, Bárbara Primo, nesta terceira acción do 2010 incidirán en catro campos específicos. O ben común e o acceso aos recursos, a paz e a desmilitarización, o traballo das mulleres e a violencia de xénero.

O 13 de marzo, as mulleres partirán desde as súas localidades de orixe en tren ata Compostela para manifestarse e marchar desde a estación ata a Praza do Toural. Alí haberá batucada feminista, presentaranse as bonecas marchantes  e farase a lectura do manifesto da Marcha Mundial das Mulleres.

As “marchantes” tamén partirán cara ao Congo para representar á muller galega na mobilización do 17 de outubro onde se concentrarán en Sorkibú representacións de mulleres de todos os continentes. Todo por “ cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo e cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres".

A presentación da III Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres comezará ás sete da tarde na Galería Sargadelos de Ferrol.   

Sociedade