O Tribunal Superior admite a trámite o recurso contra o decreto do galego

O Tribunal Superior admite a trámite o recurso contra o decreto do galego

07 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de comunicar á Mesa pola Normalización Lingüística a admisión a trámite do seu recurso para suspender o decreto do plurilingüismo. A máis alta instancia xudicial de Galicia comezará a estudar agora os informes aportados pola Mesa e decidirá a posible suspensión do polémico decreto, medida cautelar solicitada pola entidade.

O presidente da Mesa Carlos Callón confia en que haxa un "pronunciamento áxil do Tribunal" pois entende que "se tiveramos que agardar dous anos a que se dite sentenza, e durante este tempo non se toma ningunha medida cautelar para que os nenos e nenas tamén poidan aprender en galego, poderíase causar un enorme dano á formación lingüística dos estudantes".

A Mesa fundamentou a solicitude de suspensión admitida polo TSXG en informes elaborados ex-profeso polas universidades da Coruña, Vigo e Santiago, nos cales se subliña que a aplicación deste decreto podería causar "un dano irreparábel ou de moi dificil reparación" na formación do alumnado. 

Callón sinala que os dous obxectivos concretos máis importantes que se perseguen con este recurso é que non se prohiba o galego en ningunha materia (o decreto impide o seu uso ao profesorado de matemáticas, tecnoloxía e física e química) e que se estabeleza un mínimo da presenza da língua propria na educación infantíl. 

Cultura