O trompetista Hakan Hardenberger actúa en Galicia

O trompetista Hakan Hardenberger actúa en Galicia

12 de Decembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro, hoxe xoves, ás 20:30 horas, no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia de Vigo. E mañá venres, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. En ambas as citas a orquestra estará dirixida por Hakan Hardenberger, considerado polos expertos como o mellor trompetista do mundo. Os asistentes aos concertos terán a ocasión, ademais de contemplalo coa batuta, de escoita

O concerto desta tarde arrincará coa Suite nº 3 (Abertura) do compositor alemán Johann Sebastian Bach (1685-1750), un dos maiores xenios musicais de todos os tempos. Na segunda parte do concerto a orquestra achegará ao público 3 MOB Pieces, que o compositor austriaco Heinz Karl Gruber (1943) compuxo para o propio Hardenberger. Esta obra preséntase por primeira vez en España, o que supón unha gran oportunidade para os asistentes. Escrita en 1977, está inspirada nun amplo abano musical que vai desde o neoclasicismo de Stravinsky aos Beatles, pasando pola música de cabaret. A velada musical concluirá coa Sinfonietta do compositor francés Francis Poulenc (1899-1963), integrante do grupo Lle Six. En 1947 a BBC encárgalle unha composición para celebrar o primeiro aniversario do seu "Third Programme", o que lle permite rescatar fragmentos de proxectos inacabados e integralos na trama desta obra.

Estes concertos representan unha oportunidade única para escoitar ao gran mestre Hardenberger. É tal a expectación que está a causar a súa presenza en Galicia que varios conservatorios xa solicitaron a súa asistencia ao ensaio xeral da orquestra, esta mesma mañá no Auditorio de Galicia, en Santiago. É o caso do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música da Coruña, entre outros.

Hakan Hardenberger

De orixe sueca, empezou a estudar trompeta con tan só 8 anos de idade. É profesor no Conservatorio da súa cidade natal, Malmö, e na Real Escola de Música do Norte de Manchester. Na actualidade é un dos mellores solistas de trompeta. Ademais do repertorio clásico, Hardenberger é o máis notable precursor das obras contemporáneas de trompeta. Actúa coas principais orquestras e colabora cos directores máis prestixiosos a escala mundial, á vez que posúe unha intensa discografía.

O trompetista destaca, en relación a esta experiencia coa Real Filharmonía de Galicia, que se trata dun programa baseado en compositores de gran xenerosidade. No caso de Johann Sebastian Bach di que é un gran humanista, que compuña nun marco de referencia moi ben delimitado. E de Gruber, que na actualidade vive en Viena e é un gran amigo seu, apunta que fai unha música moi libre, que se entende moi facilmente pero que internamente resulta moi complexa.

Sociedade