O universo artístico de Lois Patiño

O universo artístico de Lois Patiño

26 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

As salas de exposición dos centros socioculturais da Fundación Caixa Galicia en Vigo e A Coruña acollen, simultaneamente e ata o vindeiro 15 de maio, a complexa montaxe do traballo do artista galego Lois Patiño Lamas (Vigo, 1983), premiado na anterior edición das Bolsas de Primeira Obra que promove a caixa galega para apoiar o traballo dos novos creadores. A mostra, que se inaugura ás sete desta tarde na cidade olívica, traza unha panorámica pola obra

Rostros de Area é o título xenérico dun ciclo de películas centradas na idea da identidade, “na súa dimensión complexa e cambiante”, di Patiño Lamas. Por unha parte achega ao espectador ao singular universo dos seus retratos documentais baseados na vida de seres peculiares. Cada documental traza un retrato de persoas que viven completamente á marxe de convencións sociais, con vidas ou ideas singulares, cuxas facultades psíquicas ou físicas ficaron, dalgún xeito, estragadas. Cada unha das películas do ciclo (Profesor Tejero -presentado en Documenta Madrid-, Zuma- Embaixador do Sol e Rayito) expresa un mundo propio, “definido pola experiencia cinematográfica como percorrido paralelo á aventura vital”, sinala o artista. 

A montaxe da exposición, tanto na Coruña como en Vigo, inclúe varias pezas de videoarte pensadas para os propios espazos. Explica Lois Patiño: “O Eu fragmentado é unha obra alusiva á deconstrución da identidade (o rostro como puzle en movemento) e Paisaxe-duración”, continúa Patiño, “consiste nun mosaico fragmentario da identidade inestable e a paisaxe coma incesante proceso de metamorfose”. 

Preséntase tamén unha mostra dun seu ciclo de películas experimentais, Paisaxe Interior. Obras de interiorización (e fonda intimidade) coa natureza. Por medio de estancias en lugares solitarios busca unha comunicación co espazo natural. O proxecto consta de 40 obras: seguindo a suxestión de Nietzsche: "Hai que ir 40 días ao deserto e adelgazar". Aquí preséntanse as tres primeiras. Unha está realizada na Ribeira Sacra, outra nunha montaña nevada dos Pirineos franceses e un terceiro, na surreal paisaxe dun parque acuático abandonado. 

A exposición propón un diálogo entre abstracción e proceso documental, entre materia e dimensión incorpórea. Neste ámbito, o visitante accederá “a unha sorte de ingravidez” nunha obra denominada Corpo-luz, unha complexa videoinstalación con diferentes proxectores e reflexos sobre espellos e metacrilatos que ocupa toda unha estancia , na sala da Coruña e na de Vigo. Xunto a esta obra preséntase Ecos do rostro, outrotraballo sobre metacrilato “que captura a imaxe do rostro na súa fuxida fantasmagórica”, di o autor. 

Tamén nos dous espazos, a Fundación Caixa Galicia presenta un resumo do traballo fílmico do vigués. O rito de Zuma é unha obra de vídeo de tres minutos de duración, baseada no protagonista dun dos seus retratos documentais. Canda este traballo preséntase os tráiler das obras Rayito e máis El profesor tejero.   

Cultura