O vello escudo do pazo

O vello escudo do pazo

23 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Na parroquia de Barallobre (Fene A Coruña) non vive ningún Barallobre. Persoas con ese apelido aparecen ciscadas por España e América. Na cidade de Holguín en Cuba, nunha rúa viven máis dun cento de Barallobres. Pero curiosamente, a edificación máis emblemática de Barallobre, o pazo, foi habitada polos Lago, Moscoso ou Jaspe.

O escudo e os piñeiros mansos son os dous restos máis visibeis do antigo pazo de Barallobre. As árbores contan con caseque douscentos anos de idade, mentras que o escudo posiblemente date do século XVI, cando se construiu a vella edificación.

O Pazo de Barallobre ergueuse no ano 1591 por Fernando de Lago e Obaña. O seu fillo, o sarxento maior Lanzarote de Lago, faleceu en 1626, recollendo o seu nome con anterioridade nunha lápida que ainda se pode contemplar na igrexa parroquial de Barallobre. O escudo do pazo de Barallobre é un dos poucos restos que nos quedan do emblemático caserón.

O sobriño de Lanzarote, o licenciado e crego Fernando de Lago Bugueiro ergue en 1648 a capela do Bón Xesús no lugar do mesmo nome. A capela trasladaríase logo para a finca do Pazo. Da familia do Pazo de Barallobre, foi o pintor Antonio Jaspe quen conta con obra no Museo de Bellas Artes da Coruña. Un gran cadro coa figura de María Pita preside a entrada do Concello coruñés. Esa obra é da autoría de Antonio Jaspe. O seu descendente don Juanito Jaspe, morreu a comezos do século XX sen descendencia. Deixoulle o pazo a un afillado que vivía en Balón quen vendeu posteriormente a propiedade. As excavadoras derribaron o pazo de Barallobre antes das primeiras eleccións municipais democráticas, celebradas en abril de 1979.

Segundo o académico Martínez-Barbeito, na súa obra “Torres, pazos y linajes de la provincia de A Coruña” no escudo do pazo de Barallobre, “ao amparo do yelmo emplumado e baixo un estoxo coa banda dos Andrade, entre anxos tenantes, aparecen oito cuarteis. Nalgúns é posible recoñecer outra vez a banda e os dragantes dos Andrade, a M coronada dos Montenegro, o xaquelado de Bermudez, a torre surmontada de incógnita figura que puidera corresponder aos Lago, tres flores de lis ben ordenadas, tres columnas que puideran dicir Romero, unha árbore  cun cuadrúpedo pasante que ao mellor alude a Tenreiro e cinco estacas, dos Valcarce ou tal vez dos Quiroga”.

Cultura