O Volter e a Taberna O Tucho serán homenaxeados este venres en Ourense

O Volter e a Taberna O Tucho serán homenaxeados este venres en Ourense

08 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Os actos incluirán un roteiro que sairá do Mural de Faílde no Pavillón dos Deportes, unha lectura de poemas con música no Eirociño dos Cabaleiros e unha tertulia con viño de irmandade no Liceo de Ourense.

A Fundación Carlos Casares, o Centro PEN Galicia e a Fundación Vicente Risco, organizan, coa colaboración do Liceo, Concello e Deputación de Ourense, unha serie de actos de homenaxe ao Volter, á Taberna O’Tucho e ao ambiente cultural do que foi cerne, que terán lugar o próximo venres, día 9 de abril, a partir das 18 horas.

O programa de actividades comezará no Mural de Faílde, na Rúa dos Remedios, ás 18 horas, cunhas palabras de presentación. Estarán presentes familiares do artista, entre eles o seu fillo, Miguel Ángel Faílde. O roteiro, que partirá dese punto, percorrerá algúns lugares clave e contará coa animación da Escola Municipal de Teatro de Ourense.

O segundo punto do programa será unha lectura de poemas que figuraban nas paredes do Volter, a cargo de Manolo Blanco, Delfín Caseiro e Teresa Devesa. O acto terá lugar ás 19 horas no balcón da Casa de María Andrea (na praza de Eirociño dos Cabaleiros), cun fondo musical interpretado en directo por Susana Blanco Novoa.

Por último, ás 20 horas no Liceo de Ourense, terá lugar unha tertulia aberta, cunha serie de convidados, entre os que estarán Manolo Buciños, Augusto Valencia, Arturo Baltar, Acisclo Manzano, José Antonio García, Luís González Tosar, Bieito Iglesias, J. Alberto Almeida Rebollo, Vicente Fontenla Taboada e Afonso Vázquez-Monxardín, coordinador dos actos. A tertulia estará acompañada por un viño de irmandade, cortesía do Liceo de Ourense.

Sociedade