O Xacobeo 2010 esquécese do pop e do rock

O Xacobeo 2010 esquécese do pop e do rock

20 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O do tenista Rafael Nadal é o nome máis universal dunha programación para os festexos do Ano Santo compostelán bocexada pero non concretada. Canda o campión tenístico, o gardameta do Real Madrid Iker Casillas e o nadador de longas distancias David Meca foron algúns dos nomes esparexidos polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o presidente da Xunta, Alberto

Moito máis satisfeitos teñen que estar os amantes da música clásica. O pianista chinés Lang Lang, a mezzosoprano lírica, Cecilia Bartoli, a virtuosa violinista Anne-Sophie Mutter e colaboracións como a dirección de Zubin Metha á Orquestra do Palau de les Arts de Valencia ou a de Vasily Petrenko ao fronte dunha versión moi especial de Parsifal completarán a programación do Festival Via Stellae. Haberá tamén participación galega con concertos de grupos como Luar na Lubre ou Bonovo, entre outros.

Entre as artes escénicas cómpre salientar a visita do Circo do Sol, da compañía de baile do mítico Merce Cunningham ou o espectáculo de baile e música de Mayumaná. De seguro co paso do tempo iranse pechando máis nomes e concretando as datas das representacións. Xa están comprometidas, asemade, varias exposicións como a da fotógrafa xermana Candida Hoffer, o retratista Pierre Gonnord ou Cristina García Rodero, primeira fotógrafa española na axencia Magnum.

A Xunta realizou unha gran posta en escena para a presentación dos festexos, cun espectáculo musical e a presenza de numerosos alcaldes galegos, como símbolo de que o Xacobeo non será un evento exclusivo da capital, senón para toda Galicia. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, declarou a súa arela de que Galicia poida ser centro do mundo e acolla un debate social, científico e cultural de relevancia mundial. Teimando na súa liña dende que chegou á Xunta, Varela defendeu que os eventos do Ano Santo asimilen a cultura allea e a mesturen coa propia.

O ton do discurso do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, foi case poético e abundou na importancia do Camiño de Santiago como símbolo da identidade europea que fai, segundo explicou, “do estranxeiro, peregrino”. Como non podía ser doutra maneira, o titular da Xunta adosoulle tamén ao Xacobeo 2010 o cualificativo de “austero”.

Sociedade