O xogo dos sentidos na construcción da erótica

O xogo dos sentidos na construcción da erótica

14 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“A erótica é a expresión da sexualidade. É a maneira en que expresamos que somos homes e mulleres, que somos sexuados e que desexamos”, asegurou esta mañá en Radiofusión a psicóloga do centro Quérote de Ferrol. Nuria Roibás falou da procura do pracer e de cómo inflúen os sentidos e a imaxinación na construcción da erótica.

Segundo Nuria Roibás, todos os sentidos entran en xogo no mundo da erótica. O interesante é que cada persoa “faga a súa propia ruta de viaxe para vivir unha sexualidade pracenteira, plena e satisfactoria”.

Unha imaxe, unha mirada, ver a algúen polo que nos sentimos atraídos ou, incluso, a pornografía, poden ser estímulos pracenteiros que chegan a nós a través da vista. Un aloumiño, un baño de auga quente, unha pruma ou pano percorrendo o lombo, poden producir pracer a través do tacto. O mesmo que unha canción, un susurro ou determinado ton de voz , a través do oído. Outro dos sentidos que entran en xogo na construcción da erótica é o do gusto, non en van, determinados alimentos adoitan evocar sensualidade, como as fresas, a nata, ou o chocolate. Por último, mediante o olfato somos capaces de identificar e lembrar sensacións, moitas veces moi agradables, como un determinado perfume, o olor corporal dunha persoa ou unha candela aromática.

Ademais do papel que xogan os sentidos, no programa “Falemos de Sexo” de Radiofusión, a psicóloga do Centro Quérote de Ferrol asegurou que “a erótica pode expresase a través das fantasías, da comunicación non verbal e dos xestos”.

Sociedade