A obra de Carvalho Calero debera reeditarse

A obra de Carvalho Calero debera reeditarse
29 de Abril, 2020 - 01:16 h. | Publicada por Radio Fene

A profesora e escritora Pilar García Negro fala con nós de Ricardo Carvalho Calero e da súa homenaxe nas Letras Galegas. Defende que as celebracións deben alongarse ata maio de 2021.

ESCOITA O PODCAST:

No ano 2010 celebramos o centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero e desde aquela escoitouse a demanda de adicarlle o Dia das Letras Galegas. Afirma a profesora e escritora, Pilar García Negro, que aquel clamor nin foi atendido daquelas nin en anos posteriores ata que por fín a Academia tomou a decisión de homenaxealo no 2020. “Esta fatalidade (referíndose á pandemia) aconsella -moitas voces así o piden- que a Academia alongue a celebración a 2021 para que a acumulación de actos adiados ou suspendidos forzosamente, podan realizarse” declara García Negro para quen a vía telemática non suple a tradicional xa que hai moita obra que naceu recentemente para ter a difusión que se merece. En relación co acto proposto para o mes de outubro en Ferrol, quizás non poda realizarse e ademáis os académicos, opina, deben saber que a súa decisión debe ter en consideración a grande rede asociativa, escolar… que ten as súas proprias programacións.  

García Negro cualifica a Ricardo Carvalho Calero como o “maior e mellor polígrafo da segunda metade do século XX, cunha vida vinculada a acontecementos decisivos da nosa historia contemporánea”.  Na entrevista á profesora e investigadora, esta acláranos a traxectoria do profesor ferrolán  que se mantén sempre ao servizo da cultura galega e do país .En don Ricardo dase a dedicación científica, da que naceu en 1966 a súa Gramática e máis tarde a súa Historia da Literatura Galega contemporánea, así como os numerosos artigos publicados en xornais ou revistas especializadas; e a dedicación artística con obra poética, dramática e narrativa.

Qué problema hai na celebración deste 17 de maio? se pregunta Pilar García Negro. E respóndese, que o público non pode acceder á obra do homenaxeado porque non foi reeditada. Ela intentou remedialo en parte, publicando en 2010 unha antoloxía “Ricardo Carvalho Calero. A ciencia ao servizo da nación”. A Asociación Cultural Medulio de Ferrol prepara para esta ocasión a representación de “A farsa das zocas” mentres boa parte da obra teatral permanece inédita. A poesía ten que coñecerse e ofrecerse ao público, sentencia García Negro, porque “é unha paradoxa homenaxear a un autor do que non se pode ler a súa obra”.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora