Obra inmensa feita con rigor e cariño

Martihno Montero achéganos á gran obra de Carvalho Calero
30 de Outubro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Historia da Literatura Galega Contemporánea é a obra mais ambiciosa de Ricardo Carvalho Calero. Moitos anos de investigación e rigor que concluíron coa súa publicación completa en 1975. En 1963 publicárase un volume que incuía o século XIX.

ESCOITA O PODCAST:

Historia da Literatura Galega Contemporánea é a obra máis ambiciosa e relevante do Ricardo Carvalho Calero ensaísta. En primeiro lugar, por voluminosa. “É unha obra inmensa, chea de datos que lle levou varios anos de investigación e que segue sendo unha gran fonte de información” apunta o profesor Martinho Montero, especialista no profesor ferrolán. Pero o máis importante para el é o que significou a publicación, “un descubrimento da historia cultural de Galiza e unha revalorización da nosa identidade como galegos posuidores dunha lingua propia”. Carvalho sostén que literatura galega é aquela que se crea na lingua propia, cando naquel momento o criterio era ben diferente e incluía a autores nados en Galicia aínda que escribiran en castelán. De feito houbo algunha oposición contra el que defendía como literatura galega, por exemplo, os seis poemas galegos de García Lorca e excluía as obras de Camilo José Cela. “Non é o mesmo un escritor galego que un galego escritor” sostiña o ferrolán.

Martinho Montero destaca dúas característica nesta obra de Carvalho: o seu rigor metodolóxico. “Traballou todos os escritores, aínda os que tiñan pouca importancia. Dalgúns deles ninguén falara nunca”. En segundo lugar, o cariño co que trata aos autores, sen excluír a obxectividade, e tendo en conta as condicións adversas nas que escriben.

Historia da Literatura Galega Contemporánea inclúe os séculos XIX e XX. Cando Don Ricardo concluíu o primeiro, a editorial Galaxia decidiu publicar esa primeira parte en 1963 pensando que o século XX sería un segundo volume. Cando chegou o momento, como o primeiro estaba esgotado, decidiuse publicar todo nun mesmo volume que é a edición ampliada de 1975 que coñecemos.

"Acabouse de imprimir nos talleres de Artes Gráficas Galicia, de Vigo, esta segunda edición da Historia da literatura galega contemporánea, de Ricardo Carballo Calero, o día 24 de febreiro de 1975, data en que se compren cento trinta e oito anos do nacemento de Rosalía de Castro, que tivo lugar na mesma cidade de Santiago de Compostela onde o autor puxo o ramo á súa obra”.

A obra terá despois unha segunda edición en 1981, a terceira sae en 2003 e finalmente neste ano 2020 publícase unha cuarta edición facsímile da de 1981.

 

(Carvalho Calero con Martinho Montero Santalha- sentado á dereita da imaxe- e outros como López Suevos e Elvira Souto )

Cultura

Publica o teu comentario agora