As obras de mellora da Avenida da Coruña en boa dirección

As obras de mellora da Avenida da Coruña en boa dirección

08 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O casco urbano do Concello de As Pontes está, pouco a pouco, a cambiar o seu aspecto estético para dar lugar a unha zona atractiva para o paseo e o comercio. De feito, nestes días a Avenida da Coruña está a ser a protagonista dun lavado de cara que, gracias á boa climatoloxía, está a permitir a intensificación dos traballos de mellora dun dos viais máis comerciais do casco urbano.

Logo dun duro inverno, no que o clima non axudou ó desenvolvementos dos traballos ó aire libre, estase a aproveitar este bo tempo para adiantar as obras de mellora estética e funcional das arterias principais do centro do casco urbano pontés, un dos obxectivos fundamentais do actual equipo de goberno en materia de urbanismo.

De feito, aos traballos de substitución da rede eléctrica, de sumidoiros e de sistema de canalización de augas, desenvolvidos o pasado verán, e que contaron cun orzamento de 55.000 euros, súmanse agora as actuacións directamente no aspecto externo desta rúa, para así lograr unha humanización do espazo e unha revalorización da que é unha das zonas máis comerciais do municipio.

O proxecto inclúe tamén a dotación dun novo pavimento, composto por adoquíns, a ampliación das beirarrúas e a colocación de novo mobiliario urbano. Asemade, esta avenida tamén rexistrará outro tipo de cambios xa que o vial será de sentido único e o peón contará cun maior protagonismo.

Deste xeito, o executivo local, que conta con que as obras rematen denantes do verán, pretende potenciar e reactivar esta rúa coma espazo comercial, moito máis humanizado e atractivo para o paseo dos veciños e para que os mesmos realicen as súas compras diarias.

Asemade, estes traballos están tamén a incidir na propia veciñanza da zona xa que moitos dos veciños desta rúa están a someter as súas vivendas a un proceso de recuperación o que axuda a incrementar o valor desta rúa, acadándose así a implicación particular que persegue esta iniciativa dende o eido público.

Malia que, en xeral, as obras que se están a acometer en diferentes rúas, se realizan sen custe para as arcas municipais, recorrendo a achegas de outras administracións, neste caso, o concello aportou 52.000 euros de fondos propios. Deste xeito cúbrese a segunda fase das tres previstas, que foran xa todas adxudicadas.

Sociedade