As obras na rúa do Sol empezan mañá.

As obras na rúa do Sol empezan mañá.

13 de Outubro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O concello de Ferrol deu hoxe luz verde ao inminente inicio das obras do primeiro tramo da rúa do Sol entre Roi Xordo e Terra, que motivarán cambios no tráfico no centro da cidade xa a partir de mañá martes. O goberno local de Ferrol aprobou o último trámite, a dirección da obra e a coordinación de seguridade e saúde da reurbanización da rúa do Sol.

A Policía de Ferrol lembra que a partir de mañá martes se restrinxe ao tráfico rodado o tramo do viario entre Roi Xordo e Terra, e que os itinerarios alternativos para a circulación de acceso ao centro da cidade serán: Avenida do Rei – Almendra (que cambia de sentido) – Terra; e a rúa Igrexa. Así mesmo, os residentes na zona afectada polas obras poderán circular por: rúa Lugo – María – Carme. Ademais, establécese o cambio de sentido da circulación na rúa Rubalcava, entre Real e Igrexa.

Esta primeira fase dos traballos na rúa Sol, que arrancan na xornada de mañá, ten unha previsión de duración de dous meses. A reurbanización completa do que é o principal viario de acceso ao centro da cidade ten un prazo de execución de cinco meses e ten un importe de preto de 800.000 euros.

Os traballos de mellora integral da rúa Sol inclúen a substitución do actual empedrado por un pavimento máis acorde coa circulación rodada que diariamente soporta este viario, así como a renovación da rede básica de servizos no último treito da rúa, entre Méndez Núñez e Atocha. Esta intervención se financiará con fondos europeos do Programa Urban.

Sociedade