Ollada cinematográfica do Maio do 68

Ollada cinematográfica do Maio do 68

07 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A película "Os amantes habituais" de Philippe Garrel será a encargada de inaugurar o ciclo que se vai desenvolver durante o mes de Xaneiro. Así, todos os venres proxectarase no Multiusos da Xunqueira ás 20:30 horas unha película que servirá ao público para reflexionar sobre o que se iniciou como unha revolta dos estudantes franceses no maio do 68 e que chegou a ser unha "guerra contra os estados xerais".

Logo de máis de 40 anos ao entender do organizador do ciclo, Victor Costas, “o Maio do 68 segue vivo como podemos comprobar a través dos conflitos sociopolíticos que se espallan nos últimos tempos por Grecia, Inglaterra ou a propia Francia, motivo polo que é un bo momento para recuperar os ideais e as frustración que houbo detrás daquela revolta estudiantil”.

O ciclo arrinca este serán coa proxección do filme do ano 2005 "Les amants réguliers". Neste filme, Phillippe Garrel fainos revivir ese momento histórico a través dunha historia de amor ambientada no desencanto producido polo fracaso da revolución perdida.
 
O venres 14 continuará coa proxección de "Week End" de Jean Luc Godard. Unha película de 1967 que nos ofrece a través dun repertorio ateigado de metáforas, a dantesca e catastrófica decadencia dunha burguesía atrancada nun embotellamento nunha estrada da campiña francesa, alegoría que o director toma prestada do famoso relato de Julio Cortázar "La autopista del sur". 

Xa o venres 21 proxectarase a película brasileira "Terra em transe" de Glauber Rocha. Datada no 1967 trátase dunha das obras máis coñecidas que anticipan ao Maio do '68 que desarticula o que naquela época deuse en denominar amablemente como "cine político", para convertelo nun cinema novo. 

O ciclo rematará o venres 28 coa proxección do documental "Veinte años no es nada" de Joaquim Jordá, unha proposta revisionista da España dos últimos vinte años, na que o director catalán extrae algunhas secuencias das persoas que viviron a toma da fábrica de electrodomésticos Numax a finais dos setenta. A partir dese feito fai un percorrido vital pola historia dalgunhas das persoas que protagonizaran dita experiencia.  

Cultura