Olor a Ferrol

Olor a Ferrol
22 de Decembro, 2023 - 03:37 h. | Publicada por Radio Fene

Cen anos de traballo cumpre Casa Amador, un dos establecementos máis emblemáticos de Ferrol. Cacahuetes e cafés deixaron pegada na memoria colectiva da comarca, froito do esforzo de tres xeracións da familia Amador que xa anda prepando o relevo. Conversamos en Radio Fene co xerente do negocio, Jorge Amador, da historia e o futuro da empresa.

ESCOITA O PODCAST:

“Mamá aquí ole a Ferrol”. No local da praza do Callao ule a café e un neno de tres anos, veciño de Madrid, identifica a cidade con ese olor. Súa nai é de Ferrol. Desde Pamplona chama un home “quería darlle as grazas, estame cheirando igual que na praza do Callao, son de Ferrol, un café que recorda a miña infancia”. Anécdotas que ilustran a identificación dos ferroláns con este veterán negocio. Claves do éxito? “Ser fiel a unha liña de actuación, ser constante, non faltar ao respecto aos requisitos de calidade e honradez no trato co cliente. Tratar de atopar produtos de calidade fóra dos circuitos habituais de distribución, sempre á procura de cousas orixinais”.  O segredo pasa tamén por “non perder a cabeza no manexo do negocio”. Jorge forma parte da terceira xeración a fronte do negocio que creou seu avó Teodoro, un home recto, feito a si mesmo, que empezou traballar aos 11 anos, cando quedou orfo de pai e había que axudar ao sustento da familia. Pronto unha nova xeración asumirá as rendas dun establecemento que forma parte da memoria colectiva da comarca. O 7 de xaneiro recibirán a insignia de ouro da cidade de Ferrol.

Sociedade

Publica o teu comentario agora