Once máis 15 preséntase na Coruña e en Ferrol

Once máis 15 preséntase na Coruña e en Ferrol

09 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O libro e o CD "Once máis 15" xa leva uns meses nas librerías, ofrecendo ao público a súa peculiar comunión entre poetas de todos os tempos e músicos da escena actual. Agora anuncian presentacións na Coruña e Ferrol.

Os versos van desde Rosalía e Curros até Antón Lopo e Daniel Salgado. Convértense en cancións por virtude dun elenco variado de músicos no que conviven a electrónica, o pop, o rock de diversa inspiración e case todos os estilos imaxinables. O libro recolle as versións orixinais dos poemas, aquelas que serviron como punto de partida para as composicións dos músicos, así como as biografías dos autores. Por parte dos músicos, a edición achega imaxes dos artistas e bandas ás que acompaña un texto de presentación de cada unha delas.

A iniciativa parte da asociación MusicARTE, e está coordinada polo músico Miguel Alonso. Nace coa intención de ser unha mostra do fecundo panorama musical que nos rodea e que, nesta ocasión -que non é a primeira para moitos destes músicos-, colle da man o xénero máis prolífico das nosas letras para recuperar ou recoñecer as súas palabras como unha parte fundamental da nosa bagaxe. A música corre a cargo de zimmer103, Miguel Alonso, Ataque Escampe, Miguel A. Suárez, Xurxo Mares, Fanny e Alexander, Anxo Rei, Roberto Sobrado e banda, Snail, Meiga do Norte, Julian Ross, David Taboada, Elanor, Fucoxabier e Nave. Os poemas escollidos pertencen a Alfonso Pexegueiro, Álvaro Cunqueiro, Antón Lopo, Celso Emilio Ferreiro, Daniel Salgado, Darío Xohán Cabana, Grupo Rompente, Luís Pimentel, Manuel Curros Enríquez, Manuel María, e Rosalía de Castro.

As presentacións fixáronse nas seguintes datas e lugares:
- FORUM METROPOLITANO (A CORUÑA). 15 de xaneiro ás 20.00 hrs. Actuarán Elanor, Xurxo Mares e Miguel Alonso. Entrada: 3 euros.
- FUNDAÇOM ARTABRIA (FERROL). 23 de xaneiro ás 22.00 hrs. Actuarán Fucoxabier e Miguel Alonso. Entrada: 3,5-4 euros.

Sociedade