Ondas de irmandade, desembarca en Fene

Ondas de irmandade, desembarca en Fene

20 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Exposición “Ondas de irmandade” amosarase na Sala de Exposicións da Casa da Cultura de Fene  ata o vindeiro 27 de xuño. A mostra é unha serie de exposicións conmemorativas do centenario do asociacionismo mariñeiro no Golfo Ártabro. A primeira, patrocinada pola Consellería da Pesca, realizouse en Pontedeume, lembrando á "Hermandad Marítima", creada en 1908.

Trátase da segunda mostra e corresponde á asociación sadense "Vigilancia de la ría", fundada en 1909. A exposición recolle documentación, maquetas, cancións, fotos, vídeos, documentais, esculturas, libros..., e preséntase como unha “homenaxe a unha xeración valente e creativa que, partindo das artes tradicionais, participou activamente na revolución tecnolóxica que levou a pesca á era industrial”.Esta segunda exposición de “Ondas de Irmandade” está patrocinada pola Consellería do Mar e chega á Casa da Cultura de Fene logo de itinerar por Neda, Escola Nautico-Pesqueira de Ferrol e as oito parroquias de Sada. Posteriormente, amosarase en Redes e, nas festas do Carme, volverá a Sada para quedar en poder da confraría.        

A realización da mostra corresponde a "8mares.com" que xa esta traballando na seguinte exposición que homenaxeará ós mariñeiros, mariscadores e mariscadoras da banda sur da ría de Ferrol. A terceira "Ondas de irmandade" basearase nas asociacións "Unión Marítima" de Neda e Fene de 1908 e "La Igualdad" de Mugardos do 1909.

Cultura