Ondas urbanas

Aberto o prazo de reserva de entradas para os espectáculos de Street Dance Presto Vivace e Wöyza
29 de Setembro, 2020 - 01:56 h. | Publicada por Radio Fene

O Festival das Ondas Urbanas, que organiza a Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña, traerá este sábado a Fene ao grupo de danzas urbanas Street Dance Presto Vivace e á cantante de hiphop-soul e rhythm and blues, Wöyza.

O Festival das Ondas Urbanas, que organiza a Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña, traerá este sábado a Fene ao grupo de danzas urbanas Street Dance Presto Vivace e á cantante de hiphop-soul e rhythm and blues Wöyza. A función comezará ás 20.00 horas na praza do alcalde Ramón José Souto González e desenvolverase baixo carpa. As entradas, de balde, xa están a disposición do público na páxina de Ataquilla.com. Cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das dúas persoas que acudirán ao espectáculo.

“Danzas urbanas e os seus estilos”, do grupo Street Dance Presto Vivace, é unha proposta interactiva de danzas urbanas hip-hop, popping, funky, dance-hall, waacking, sexy-style…. En “Danzas urbanas e os seus estilos”, as catro bailarinas adéntranse no mundo das danzas urbanas cunha pequena explicación didáctica de cada estilo para, a continuación, poñelo na práctica cunha serie de coreografías de cada estilo. “A arquitectura coreográfica así como a riqueza visual e musical e a enerxía física quedan patentes na actuación producindo no público unha sensación agradable e un maior coñecemento da cultura do baile”.

Unha vez finalizado o espectáculo de Street Dance Presto Vivace, o mesmo sábado 3 de outubro actuará tamén na praza do alcalde Ramón José Souto González de Fene a cantante, letrista e produtora galego-uruguaia Wöyza. Pioneira e referente no hiphop-soul e R&B en lingua española e galega, Wöyza comezou a súa carreira musical en Vigo, en 2003, vencellada á escena hiphop estatal e portuguesa. En solitario, conta con dous LPs: "Pisando el suelo que ves" (2008) e "Pelea" (2016); tres EPs: "Siénteme"(2005), "Si/No" (2015) e "Tábula Rasa" (2019) así como unha infinidade de vídeos musicais, singles e colaboracións.

Ámbalas dúas actuacións –Street Dance Presto Vivace e Wöyza- desenvolveranse baixo carpa e con aforo limitado (146 persoas).

Cultura

Publica o teu comentario agora