Onde Galicia botou raíces

Onde Galicia botou raíces
08 de Novembro, 2019 - 08:55 h. | Publicada por Radio Fene

Hai un lugar en Cuba onde Galicia botou raíces para sempre. No cemiterio de Colón repousan os restos de moitos emigrados do noso país. É o camposanto máis importante da Illa, cunha extensión de 57 hectáreas. Atravesado por grandes rúas, a un lado e a outro vemos grandes panteóns, de mármore branca, con cruces, anxos e grandes esculturas que acariñan o ceo no que gustarían descansar eternamente os seus moradores.

ESCOITA O PODCAST:

Reportaxe realizada por Daniel García

http://173.255.131.18/audio/081119CEMITERIO.mp3

A Tenencia de Caamouco no panteón dos Naturais de Galicia. A Habana

A construción  máis alta, unha gran  escultura dun anxo que sostén nos seus brazos un bombeiro morto. Trátase dun monumento que lembra a traxedia acontecida en 1890, cando un grupo de bombeiros faleceu en acto de servizo.  En fronte del, unha tumba custodiada por dúas palmeiras que lograron superar en altura o panteón dos bombeiros. Iso era, precisamente, o que quería o viúvo da muller que repousa alí, na coñecida como Tumba da Divorciada, un gran mausoleo que, malia os intentos do home, non lle permitiron que fose máis alto que o dos bombeiros. Conseguiuno, ó seu xeito, plantándolle diante esas dúas longas palmeiras que, co paso dos anos, convertéronse no punto máis alto de todo o cemiterio.
E toda esta historia nada máis entrar polo gran portalón do camposanto nunha das calorosas e húmidas mañás da viaxe de Caamouco a Cuba.
Cun mapa das rúas interiores da necrópole no que se marcaban os puntos onde había restos de galegos, a expedición da Agrupación Instrutiva de Caamouco homenaxeou alí a tódolos emigrantes galegos.
Tódalas tumbas do Panteón de Naturais de Galicia están dispostas baixo terra. Hai dous andares ós que se accede por unhas escaleiras situadas detrás dunha escultura. Ó entrar en cada unha das plantas, dous corredores xemelgos atravesan a estancia. Ó seu longo e ancho, tumbas brancas, con apelidos galegos, flores de tea comidas polo tempo e ningunha referencia ó lugar de orixe dos finados.No primeiro andar, ó carón das escaleiras atopamos a Nelson, encargado de coida-lo panteón. Dixémoslle quen eramos e que facíamos alí. O acto foi sinxelo: unhas palabras e unha placa, que puidemos pendurar nunha das paredes co permiso de Nelson. Tan simple como histórico. A da Agrupación Instrutiva é a primeira lembranza que se pendura nas paredes do Panteón de Naturais de Galicia. Un camiño que, de seguro, tomarán agora outros colectivos.
Moitos dos que viaxaron coa Tenencia teñen soterrado nese panteón algún familiar. Boa parte  deles emocionáronse ó presenciar esta homenaxe.
Naquela mañá as emocións viaxaron entre as tumbas, lembrando ós familiares emigrados, ós devanceiros alí soterrados, e aqueles outros que, tamén na emigración, descansan en lugares descoñecidos. A escultura exterior do panteón é unha mole de mármore negra cos escudos das catro provincias rodeando o galego. Xusto enriba del, unha figura relixiosa. Alí tivo lugar a primeira das tres ofrendas florais daquela mañá. Os dous vicepresidentes da Tenencia foron os encargados de deposita-lo ramo ó pé do monumento. A acción repetiuse noutros dous puntos do camposanto: Unión Mugardesa e Pontedeume e o seu partido.
Co himno galego, que soou dun xeito espontáneo, culminou o acto da Agrupación Instrutiva de Caamouco no Panteón de Naturais de Galicia. Para moitos a homenaxe foi unha auténtica sorpresa, coa que non contaban.
«En lembranza dos veciños de Caamouco que emigraron a Cuba e que con eles trouxeron un anaco da historia de Galicia a esta terra». Esa mensaxe fica hoxe pendurada alí, no medio do camposanto máis importante de Cuba. Nelson, o encargado do panteón é tamén o seu vixilante. Prometeunos coidala ata que volvamos vernos, na seguinte viaxe da Agrupación Instrutiva de Caamouco á terra do seu nacemento.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora