Ordes quer dicir Entroido

Ordes quer dicir Entroido

22 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes ten todo preparado para celebrar un ano máis unha gran festa de Entroido. Así dende os departamentos de Cultura e Deporte e de Promoción Económica, Turismo, Mercados e Exposicións, están preparando un amplo programa de actividades tanto para pequenos como para maiores. Os actos con motivo do Entroido darán comenzo o martes 16 de febreiro coa celebración da “Tarde de Entroidada”.

Dende as 17 ata as 20 horas terá lugar unha gran festa de entroido con divertidos obradoiros de globoflexia, maquillaxe, disfraces e complementos, ademais de xogos populares cos que se pretenderá animar a todos os nenos e nenas do municipio. Os actos celebraranse na Alameda, aínda que en caso de choiva trasladaranse ao Pavillón Campomaior.

Pero o día grande dos festexos de Entroido en Ordes será o sábado 20 de febreiro coa celebración do “Sábado de Piñata”. A partir das 17 horas dará comenzo o desfile de carrozas e disfraces polas prinicipais rúas do pobo ata rematar no Campo da Feira, onde se celebrará o tradicional concurso, que este ano repartirá máis de 5.000 euros en premios.

En canto ao concurso estableceranse varias categorías, unha para as carrozas, outra para as comparsas dividida en adultos e infantil, e outra categoría individual tamén dividida en adultos e infantil.
Na categoría de carrozas haberá dous premios, un primeiro de 800 euros e un segundo de 600. Na categoría das comparsas, que deberán estar integradas por máis de cinco compoñentes, para os adultos establecéronse tres premios de 600, 500 e 400 euros, e para os nenos outros tres premios de 300, 250 e 200 euros.

Por outra banda na categoría individual, na que cada grupo participante non poderá exceder os cinco compoñentes, os adultos poderán optar a un primeiro premio de 200 euros, un segundo de 150 euros e un terceiro de 100 euros, mentres que os participantes na categoría infantil loitarán por outros tres premios de 150, 100 e 90 euros.

A categoría de adultos estará destinada para os participantes maiores de 16 anos, e a infantil para os menores de 16 anos. Ademais tamén se estableceron dous premios especiais, un á simpatía dotado de 200 euros, e un premio especial do Concello de Ordes á mellor comparsa municipal dotado de 400 euros.

Para os participantes no concurso o tempo máximo de actuación será de 3 minutos e a entrega de dorsais finalizará ás 16:30 horas. Todos aqueles que queiran participar no concurso deberán facer unha inscrición previa do 1 ao 19 de febreiro no departamento de Cultura e Deporte do Concello de Ordes de 9 a 14 horas, ou chamando aos teléfonos 981680002 e 981680157, onde tamén recibirán máis información.

Dende o Concello, o alcalde, Manuel Regos, animou a todos os veciños e veciñas de Ordes a que sexan partícipes desta festividade, que se está a converter ano tras ano en todo un referente en toda a comarca, “animo tanto a veciños e veciñas do municipio como a visitantes de toda a comarca a que participen no noso Entroido, no que sen dúbida non faltará a diversión, os bos disfraces, as máscaras e como non podía ser doutra maneira neste tipo de festa, o bo humor”.

Institucional