Orgulloso de ser garda civil e xitano

Orgulloso de ser garda civil e xitano

21 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Estou moi orgulloso de ser xitano e garda civil. Quen así fala é Mariano Vázquez, membro da Benemérita desde hai 34 anos. “Meu pai sempre me apoiou” confesa o membro das forzas da orde, salientando que no corpo non atopou atrancos especiais debidos á súa raza. É veciño de Ferrol e desde hai unha década presta servizo no cuartel da Garda Civil de Fene. 

O seu pai era militar e retirouse de brigada. El xa quixera integrarse na garda civil, pero contou coa oposición da súa muller, “como boa xitana” confesa sorrindo Mariano.

El fala o romanó na casa cos seus fillos, e gustaríalle que se meteran na Benemérita, “ainda que tanto o maior como a rapaza se gañan a vida na venda ambulante”. Vázquez recibiu a medalla ao mérito da garda civil e conta unha anécdota que lle sucedeu hai anos perto de Zaragoza. “Achegouse un xitano que se adicaba á venda ambulante para preguntar onde podía instalar o posto, marchou e volveu aos 5 minutos a preguntarme se era xitano”. Díxenlle que sí e contestou: “Me lo imaginaba”.

Hoxendia entre os 75.000 membros da Garda Civil, hainos de ascendencia negra, chinesa e xitana. Pero hai 34 anos, cando Mariano Vázquez foi a academia de Jaen non era tan habitual reunir na mesma persoa o tricornio e a pertenencia a un colectivo durante moitos anos estigmatizado. No vindeiro mes de abril comeza a rodarse en Galicia a película Santas Pascuas. O actor Kiko Gutiérrez encarna na longametraxe a un garda civil xitano. Pero neste como en moitos outros casos, a realidade  supera a ficción.

Sociedade