Os “Ratoncio de Lonxedetodo” visitan o luns a biblioteca municipal de Fene

Os “Ratoncio de Lonxedetodo” visitan o luns a biblioteca municipal de Fene

12 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Cunha sesión de contacontos e un obradoiro de maquillaxe celebran o antroido na Biblioteca Pérez Parallé de Fene. A estas actividades, que se desenvolverán o luns e o martes a partir do mediodía, súmase este ano un concurso, organizado polo propio persoal da biblioteca para eses dous días.

Trátase de que os nenos e nenas que pasen polas instalacións da Casa da Cultura identifiquen a unha serie de persoaxes de contos “que se escaparon dos libros”, ocupando o lugar das bibliotecarias. Os pequenos que averigüen a súa identidade participarán nun sorteo dun ordenador infantil, un MP4 e varios lotes de libros. Os nomes dos gañadores publicaranse na páxina web do concello.

Aproveitando as vacacións dos escolares, a biblioteca municipal de Fene realizará en horario de mañá as actividades previstas para o luns e o martes de antroido. Para o primeiro día anuncian unha sesión de contacontos a cargo dos “Ratos de Biblioteca”, da compañía Trinke Trinke. Segundo adiantou a Radiofusión un dos responsables do grupo, David Pernas, “trátase dunha actividade na que se emprega o teatro como recurso educativo”. Os destinatarios son nenos e nenas de entre 3 e 8 anos e o obxectivo é fomentar neles o interese pola lectura. Neste senso, a familia Ratoncio de Lonxedetodo contará o luns en Fene, a partir das doce do mediodía, contos clásicos e outros rescatados da propia tradición galega.

O programa de actividades da Biblioteca Pérez Parallé para este Antroido concluirá o martes cun obradoiro de maquillaxe, a cargo de monitores de Dinamo Xestión. Felipe Díaz, un dos responsables da actividade, explicou que os nenos e nenas que asistan poderán realizar máscaras e caretas de “goma eva”, ademais de maquillarse e caracterizarse como desexen. A cita, tamén a partir do mediodía.

Sociedade