Os adeuses da emigración

Os adeuses da emigración

11 de Outubro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inauguraron ás 12 desta mañá en Ferrol, na sala da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, en Curuxeiras,  a exposición itinerante “OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963)” captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. O director do CGAI, o ferrolán Guillermo Escrigas, referíuse ao significado dos adeuses dos que marcha

O acto contou ademais coa presenza do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares que se referíu á estreita vinculación da fotografía co movemento migratorio, e do presidente da Autoridade Portuaria, Ángel María del Real. A exposición estará en Ferrol ata o 5 de novembro. As 73 fotografías están recollidas nun catálogo de 150 páxinas editado polo Consello da Cultura Galega con textos, en galego, castelán e inglés, de Ramón Villares, Alfonso Cabaleiro, Pilar Cagiao, María Teresa García Domínguez e José Caruncho. A mostra chegará a Fene no mes de Decembro.

O que podemos ver na mostra “OS ADEUSES. FOTOGRAFÍAS DE ALBERTO MARTÍ “é indicativo da grande epopeia da emigración galega, que cubre case dous séculos da nosa historia máis recente, neste caso unha etapa ben concreta da emigración americana, aquela que na década dos cincuenta estaba xa dando os últimos folgos”, en palabras de Ramón Villares, estudioso do fenómeno na súa condición de catedrático de Historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O Presidente do Consello da CG subliña a importancia da relación entre emigración e fotografía, “un valioso acervo documental que merece ser recuperado e no que xa deu e seguirá dando pasos o noso Arquivo da Emigración Galega”. 
 
“Os adeuses”, comisariada por José Caruncho, estrutúrase en tres áreas: A Ida, A volta e O Buque Santa María e ofrece instantáneas da partida de centos de emigrantes galegos desde os portos de Vigo e A Coruña entre 1957 e 1963. Complétase cunha reportaxe sobre a peripecia do buque “Santa María”, que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo, secuestrado polo Directorio Ibérico de Liberación en xaneiro de 1961 e que puido regresar ao porto de Vigo en febreiro dese mesmo ano.

Pilar Cagiao Vila, do Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, salienta no catálogo o reflexo, nas fotografías de Alberto Martí, de todas as circunstancias que rodearon a partida dos emigrantes: “desde a chegada ao porto, a terminal de pasaxeiros atestada, ata a espera da partida e a acomodación a bordo, pasando polo mundo dos trámites, os papeis e os funcionarios”.

O comisario da Mostra, José Carcuncho, propúxose “contar unha historia do que significou a emigración para miles de galegos, desde a ida ata, en moitos casos, o retorno á casa”. Alberto Martí Villardefrancos (A Coruña, 1922) agradeceu o traballo de José Caruncho e o activo compromiso do Consello da Cultura Galega e do CGAI logo de lembrar que no seu arquivo conta con millóns de negativos.

Cultura