Os artistas galegos “implícanse” coa India

Os artistas galegos “implícanse” coa India

05 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Gozar das actuacións dos artistas galegos e colaborar na construción dun centro de apoio ás mulleres en Tiruchy (India). Este é o plan que nos propoñen para o domingo desde a ONG Implicad@s co Desenvolvemento. Yolanda Castaño e Luis Tosar conducirán unha gala na que haberá oco para a música, o teatro, a literatura e a danza.

Implícate é o título da gala e tamén o obxectivo que persegue. A presidenta da ONG, María Reimóndez, explicou en Radiofusiòn que o acto ponse en marcha co reto de “conseguir, a través do lúdico, que máis xente traballe desde Galicia por un mundo diferente”. Con ese fin subirán ao escenario os músicos Susana Seivane, Carmen Rey e Narf; os literatos Antón Reixa, Ana Romaní, María Xosé Queizán e Lino Braxe; os dramaturgos Candido Pazó e Patricia de Lorenzo e a compañía de danza Pisando ovos. Ademais, faráselle entrega á xornalista Amelia García Hervella do premio Implicada do Ano.

A cita celebrarase a partir das oito e media da tarde do domingo no Teatro Principal de Santiago de Compostela. As entradas custan 12 euros (8 para os estudantes) e aqueles que non poidan asistir teñen a oportunidade de deixar a súa achega na fila cero, na que as butacas virtuais véndense a 5 euros. Os cartos recadados destinaranse a pór en marcha un centro de apoio ás mulleres en Tiruchy, como parte dun proxecto máis amplo que Implicad@s no Desenvolvemento está a realizar nesta localidade da India.

Sociedade