Os Barallobre escoitarán a Neira Vilas e a Cristina Pato

Os Barallobre escoitarán a Neira Vilas e a Cristina Pato

02 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Máis de medio cento de persoas co apelido Barallobre procedentes de toda Galicia e doutras zonas da península asistirán este sábado á III Xuntanza dos Barallobre, na parróquia de Fene que deu orixe a este apelido. A Liga de Amigos de Barallobre organiza o evento que neste ano coincidirá cos actos do 75 aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido.

Os Barallobre escoitarán as palabras do escritor Xosé Neira Vilas, estudoso da emigración en Cuba e Arxentina, e único persoeiro en vida, dos 12 que teñen banco adicado no Monumento inaugurado en 1934 por Don Ramón Otero Pedrayo.
A Xuntanza dos Barallobre comezará ás 12 do mediodia do vindeiro sábado 4 de xullo. Asistirán á ofrenda floral no Monumento ao Camiñante Descoñecido e logo degustarán un xantar no local da Liga de Amigos. Despois da comida falaráse das orixes do apelido Barallobre, e de Jacinto Barallobre, protagonista da novela de Gonzalo Torrente Ballester “La saga fuga de JB”.
Unha estatua a Andrés Barallobre elaborada polo ceramista Pérez Porto preside o campo da festa da parróquia onde actuará a partir das dez da noite a música e gaiteira Cristina Pato, para rematar a xornada.

Sociedade