Os Bolechas chegan a Santiago

Faltaba a capital de Galicia nas aventuras da familia creada por Pepe Carreiro.
28 de Novembro, 2018 - 11:28 h. | Publicada por Radio Fene

Publícase un novo libro dos Bolechas, unha aventura que transcorre na cidade de Santiago de Compostela, onde os protagonistas realizan o último tramo do Camiño. Trátase dunha edición bilingüe, escrita en galego e en inglés. A nova entrega de Pepe Carreiro foi coeditada polo Consorcio de Santiago e a editorial Bolanda. Preséntase esta tarde, ás 19:30 horas, na Fundación Torrente Ballester de Santiago.

O Consorcio de Santiago e a editorial Bolanda acaban de publicar o libro "Os Bolechas van a Santiago de Compostela", unha nova aventura dos personaxes creados polo debuxante Pepe Carreiro hai xa 18 anos. Preséntase esta tarde na Fundación Torrente Ballester, ás 19:30 horas. No acto estarán o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do organismo interadministrativo, Juan Conde; xunto a Tomás Valín, director comercial da editorial Bolanda.

Unha guía de Santiago

Esta publicación forma parte dunha serie centrada en diferentes lugares de Galicia, a xeito de guías turísticas, creada co dobre obxectivo de entreter e formar. “Quedan moi poucos concellos na comunidade que non teñan a súa guía dos Bolechas. Boa parte deles contan cun relato propio protagonizado por estes irmáns galegos tan populares entre os máis pequenos” -salienta Tomás Valín, da editorial Bolanda-. Nesta ocasión os Bolechas van facer o tramo final do Camiño de Santiago coas súas amigas Antía e Carme e co seu amigo Nicolás. Vanse guiar polas frechas amarelas que hai repartidas pola cidade, para non se perderen. Pero ás veces as frechas amarelas son moi brincadeiras e os protagonistas desta historia terán que amañar para poderen chegar ao seu destino. A aventura comeza en San Domingos de Bonaval e terán que pasar por varias rúas e espazos emblemáticos ata chegar á catedral: a Porta do Camiño, Casas Reais, rúa Travesa, praza de Cervantes, Acibechería… e acaban, perdidos, no Burgo das Nacións, entran no interior do Hostal dos Reis Católicos, báñanse na fonte de Praterías… Ao final do libro hai un plano que ilustra o percorrido que os amigos fan polas rúas de Compostela e que serve de guía dalgúns dos principais puntos da cidade histórica.

Trátase dunha edición bilingüe, en galego e en inglés, co fin de que os nenos procedentes doutros países tamén poidan desfrutar coas aventuras dos Bolechas. Esta familia de seis irmáns (Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá) xorde no ano 2000 da creatividade do debuxante Pepe Carreiro, co propósito de entreter aos máis novos da familia e de facelo ademais a través da lingua galega.

Cultura

Publica o teu comentario agora