Os bravos piratas de Redes replican este sábado aos vikingos de Limodre

Os bravos piratas de Redes replican este sábado aos vikingos de Limodre

19 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Primeiro foron os vikingos e agora tócalle o turno aos piratas. Os de redes replicarán aos de Limodre este sábado 22 de agosto cando os bravos piratas nativos invadan aos seus rivais en Río Castro. Esta gamberrada festiva, que vai pola cuarta edición  vai camiño de converterse nunca das citas máis atractivas do calendario de ocio da comarca.

Tras a invasión vikinga dos de Limodre o pasado 1 de agosto, os Piratas de Redes están a ultimar os preparativos do seu ataque deste sábado. Os da vila aresana, coñecida como a “ Venecia Galega”, reuniránse pola mañá na Praza do pedregal para planificar o asalto e repartir camisetas e panos negros aos temibles bucaneros. Ás cinco e media concentraránse no mesmo punto para embarcar arredor das seis da tarde rumbo á Praia de Río Castro en Limodre( Fene).

A singladura realizaráse en lancha e en todo aquelo que flote ademais dos que marchen a pé. Tras o  desembarco , os filibusteros reuniránse en consello para dirimir os últimos detalles. Segundo explicou para Radiofusión un dos cruentos piratas, Javier González, tentarán subir a costa de Río Castro ata chegar á explanada do Bar Emigrante, sé dos vikingos. Máis o ascenso non será doado. Ovos, fariña, auga serán parte da artillería cos que os piratas se terán que enfrontar. Logo do duro enfrontamento os de Redes liberarán ao refén secuestrado pola delegación vikinga o pasado o 1 de agosto e farán o propio cun dos de Limodre. Ao pobre que apresen terá que agardar un ano ata que poida ser liberado. Unha longa espera na que os seus captores non terán compasión, afirmou González.

Rematada a incursión , vikingos e piratas renovarán folgos cuns pinchos no Bar O Emigrante e logo volta a súa guarida en Redes. Na vila aresana, e co refén capturado, comezarán as celebracións. Churrascada, música co organista Carlos Rey, sorteo de rifas e agasallos aos mellores traxes e embarcacións serán algúns dos actos da festa pirata.

Arredor de 650 piratas participarán este ano no ataque. A este número hai que engadir aos centos de persoas que se congregan na Praza do Pedregal para desfrutar desta xolda. Unha festa enxebre e familiar que supón un símbolo da confretarnidade que reina entre ambas localidades. Qué treme limodre!

Sociedade