Os centurións do río Belelle

Os centurións do río Belelle

15 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os muíños son construccións antigas de carácter laboral que empregan a forza da auga do río para moer o gran. Construíronse a base de cachotería e perpiaño de forma rectangular ou cadrada, xeralmente de pequeñas dimensións. A maioría dos ríos galegos contan ao longo do seu percorrido con moitas destas construccións tradicionais que forman parte de nosa identidade. O río Belelle posúe unha das rutas con m

O muíño do Picovello, perto do nacemento do Belelle, abre o roteiro turístico por esta senda da arquitectura tradicional galega. Baixando atopamos, nunha zona caracterizada pola súa beleza, o da Cernada, un muíño de cubo que logo transformaron de presa para acadar máis presión no rodicio. No da Carraola, narra o profesor Mario Valdivieso quen traballou nesta recompìlación dos muíños de auga do Belelle, unha muiñeira morreu ao caerlle a presa enriba polas fortes choivas e  partir deste tráxico suceso deixou de funcionar. Caracterízase pola ausencia de inferno, polo que é o único da contorna do Belelle que non ten acceso ao exterior.

Continuando río abaixo atopamos o do Ribeirón e o da Pinguela. Este último debe o seu nome ao escaso caudal co que contaba. Atópase entre A Capela e o lugar dos Calzados. Na postguerra o Mazicos de Mugardos, foi capturado no muíño do Salgado. Destaca pola perfección na construcción das súas paredes. O avó de todos eles, é o do Ameneiro que se remonta a mediados do século XVIII, de tamaño pequeno e coas pedras ao ar, como era costume naqueles tempos.

Máis muíños vixían o transcorrir do río Belelle. O de Fornelos, o do Cacarelo, no lugar de Xaxén, onde destaca a caixa de protección da fariña, o agora restaurado muíño do Barreiro, o único do Belelle con vivenda superior e do Carregado mantido polo regato do Teixeiro. Xa no Concello de Neda permanece en pé o de Fraguela e o de Canido.

Os muíños foron vitais na economía e no desenvolvemento da vida nas aldeas. Forman parte da paisaxe e da historia, da cultura popular, recollida no folclore  e da literatura. Costumes que se están perdendo igual que os muíños, substituídos progresivamente polos eléctricos. Estas construccións considéranse de interese etnográfico, debendo entre todos fomentar a súa restauración. O muíño en Galicia foi e é moito máis que un método para obter fariña. É arquitectura, é tecnoloxía, é historia, é literatura, é paisaxe...é unha marabillosa herdanza e unha das nosas sinais de identidade.    

Sociedade