Os Comités acudirán á apertura do curso escolar cos Reis de España.

Os Comités acudirán á apertura do curso escolar cos Reis de España.

04 de Setembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Os Comités chaman a se mobilizar ante a visita dos reis de España e Wert no comezo do curso escolar. O vindeiro 16 de setembro inaugurarase o curso escolar no centro de Educación Infantil e Primaria Ben Cho-Shey en Pereiro de Aguiar (Ourense). A esta apertura decidiron acudir o rei español e o ministro Wert; xunto ao conselleiro de educación Jesús Vázquez e os dirixentes da Xunta de Galiza.

En palabras do Responsábel Nacional dos Comités, Brais Fortes, “o encontro é totalmente publicitario onde o goberno do Partido Popular e a monarquía buscan promover as súas políticas educativas. Insultan a toda a comunidade educativa, que estamos sufrindo recortes e ademais este ano se implantará a mal-chamada Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Foron moitas as ocasións nas que saímos á rúa para amosar o noso rexeitamento a esta lei e volveremos saír para rexeitar o modelo educativo da dereita española máis rancia”.

Para os Comités “a presenza dos Borbóns na Galiza, é máis unha vez, motivo de denuncia social, pois son a representación dun réxime caduco e obsoleto, bandeira do españolismo e da opresión da cultura galega”.

En último lugar, os Comités, fan un chamamento a se concentrar, como acto de repulsa, perante o CEIP Ben Cho-Sey en Pereiro de Aguiar (Ourense) o vindeiro 16 de setembro, nunha hora aínda por confirmar.

Sociedade