Os concellos da Mariña conseguen 20 bandeiras azuis

Os concellos da Mariña conseguen 20 bandeiras azuis

26 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

Os concellos de A Mariña Lucense conseguen un ano máis un importante número de bandeiras azuis para os seus areais, praias e portos deportivos. Este ano, catro praias quedaron sen ela, pero adxudicaron tamén duas novas distincións, o Sendeiro Azul para Foz e a aula Gaia de Burela, e unha bandeira azul para o Clube Nautico de Ribadeo.

A presenza dunha bandeira azul nunha praia recoñece o esforzo das comunidades e institucións locais apra conseguir que o areal teña determinados criterios de legalidade, accesibilidade, sanidade, limpeza e seguridade, asi como que conte con unha información e xestion ambiental adecuadas. Mídese por exemplo a calidade das augas ou os accesos para persoas con discapacidades. Os concellos da Mariña obtiveron 20 destes distintivos que están promovidos pola Fundación Internacional para a Educación Ambiental (Foundation for Enviromental Education).
Por concellos, en Burela teñen bandeira azul as praias de O Portelo e A Marosa; en Foz as praias de Areoura, Peizás, Arealonga, Llas, A Rapadoira, As Polas e Os Xuncos; en O Vicedo a praia de Abrela e en Xove a praia de Esteiro. Tamén en Barreiros a acadaron os areais de A Pasada, Longara, Coto, Acantilado-Remior, Altar, San Bartolo e por primeira vez a de Fontela-Valea e en Ribadeo tena a praia de Os Castros-Illas.
Como novidade este ano, o programa Bandeira Azul, puxo en marcha o proxecto piloto de Sendeiros Azuis, que enlazan praias con este distintivo de calidade. En Galicia foron seleccionados dous concellos un deles o de Foz. E ademais dos areais, tamén se premia a calidade dos Portos Deportivos, neste caso, O Clube Naútico de Ribadeo distinguiuse con esta marca de calidade este 2011.
Ademais, a nosa Comunidade incorporou este ano catro novos Centros Bandeira Azul, aulas de natureza, centros de interpretación e de educación ambiental, que permiten poñer en valor a riqueza ambiental dos espazos nos que se sitúan. O  centro de educación medioambiental Gaia de Burela foi un dos que obtiveron a distinción.
Galicia acadou un total de 130 distincións (117 para praias e 13 para portos deportivos), encabezando un ano máis o ranking español.

Sociedade