Os concellos galegos do Camiño Francés solicitan a Cultura melloras na ruta e nos albergues

Os concellos galegos do Camiño Francés solicitan a Cultura melloras na ruta e nos albergues

02 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Roberto Varela, foi recibido esta mañá polo alcalde de Arzúa e Presidente da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, Xaquín García, na casa consistorial do municipio coa finalidade de manter unha xuntanza preparatoria do incipiente Xacobeo 2010. No encontro estiveron presentes os alcaldes

O conselleiro de Cultura e Turismo tomou boa nota das peticións dos representantes dos 11 concellos que segundo el mesmo indicou se “centraron sobre todo no mantemento do Camiño e no estado dos albergues”. Os alcaldes solicitaron maiores axudas económicas que permitan sufragar os gastos de mantemento que supón o camiño e tamén insistiron na necesidade de que se dea solución aos problemas de aloxamento que poidan xurdir ao entender que as prazas dispoñibles nos albergues son moi limitadas.

O conselleiro adiantou a posibilidade de subir o prezo por pernoctación nos albergues públicos ata os 6 euros, “sempre conseguindo mellorar o servizo que se ofrece aos peregrinos”, indicou que é unha posibilidade que se está barallando para axudar a sufragar os gastos de mantemento destes edificios e, sobre todo, coa idea de poder ofrecer un servizo con maior calidade por un prezo que aínda así segue a ser simbólico.

Pola súa parte, o Presidente da Mancomunidade, Xaquín García, quixo agradecer publicamente a visita do Conselleiro a Arzúa xa que “foi unha solicitude acordada por todos os Alcaldes e representantes da Mancomunidade de cara a aclarar algúns asuntos ante a chegada inminente do vindeiro ano Xacobeo”. Ademais das demandas expostas ante o Conselleiro no referente ao mantemento do Camiño e ao estado dos albergues, Xaquín García insistiu na necesidade de que coa maior urxencia a Xunta de Galicia traballe na aprobación da delimitación do Camiño de Santiago para axilizar así de maneira notable tanto os trámites a seguir como o tempo que se tarda en resolver os expedientes que os veciños dos Concellos polos que pasa o Camiño presentan para a execución de obras nas súas vivendas ou propiedades.

Institucional