Os drons botan a voar

Remata a Escola de pilotos de drons, organizada polo concello de Fene.
12 de Xullo, 2019 - 02:15 h. | Publicada por Radio Fene

Como fin do curso, farase unha exhibición de pilotaxe de drons este sábado a cargo d@s alumn@s do curso promovido polo Concello de Fene. Será aberta ao público, no pavillón da Xunqueira a partir das 13 h.

Os 25 mozos e mozas de entre 14 e 30 anos que participaron ao longo das últimas semanas na Escola de Pilotos de Drons que organiza o Concello de Fene amosarán este sábado 13 de xullo, a partir das 13 horas, e nun circuito de carreiras, as habilidades aprendidas durante o curso. A exhibición celebrarase no pavillón da Xunqueira e está aberta ao público.

Fene Drons é un proxecto divulgativo e formativo en torno ao uso dos drons e a súas aplicacións que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. A través del, tentouse potenciar o coñecemento e autoaprendizaxe en torno ao mundo dos drons, unha disciplina tecnolóxica que incentiva aos mozos e mozas a súa curiosidade por desenvolver unha carreira de futuro neste eido tan demandado. Por iso, a Universidade da Coruña tamén participou nos obradoiros cunha charla en torno aos traballos do futuro e as carreiras que máis demanda terán.

Durante tres semanas, as persoas participantes aprenderon sobre reparación, montaxe, aplicacións civís dos drons, drons terrestres... e como non, a pilotar estas aeronaves. Para iso, cada participante dispuxo dun dron co que practicar no seu tempo libre unha vez adquiridas as nocións básicas de voo. Deste xeito buscábase progresar máis rápido e na fase final da formación aprender a pilotar drons deportivos e acrobáticos. Durante a formación, tamén aprenderon a montar unha cámara e un transmisor de vídeo no seu dron, para poder pilotalo en primeira persoa.

Institucional

Publica o teu comentario agora