Os ecoloxistas galegos piden a moratoria urbanística do litoral no Día Mundial da Terra

Os ecoloxistas galegos piden a moratoria urbanística do litoral no Día Mundial da Terra

22 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O Día da Terra nace en 1970 cando o Senador norteamericano Gaylord Nelson convocou a primeira protesta contra a polución nos EE.UU. Celébrase cada 22 de abril, e a partir de 1990 outros países decidiron conmemorar regularmente esta data. O Día Mundial da Terra é unha data que pretende chamar a atención sobre a degradación dos recursos naturais e dar a entender

Adega anima nesta xornada a achegarse ás súas sedes e coñecer de primeira man o seu traballo, recibir información e ver as posibilidades de colaborar con eles na defensa ecolóxica do país. Tamén realizan actos informativos con postos en Compostela (Praza do Toural das 17 a 20h), Vigo, Ourense e Lugo.

Como acto de carácter reivindicativo, Adega-Lugo convoca á cidadanía para o vindeiro domingo 26 en Ribadeo onde mediante paneis gráficos escenificarán as consecuencias que para o litoral pode ter a fin da moratoria urbanística e o desenvolvemento desordenado e insostible da costa. Tamén, ese mesmo domingo 26, a Feg (Federación Ecoloxista Galega) convoca outro acto similar no que participará Adega na praia de Silgar (Sanxenxo). A responsable de litoral da Feg, Marta Lois, afirmou en Radiofusión que non son optimistas con respecto ao novo executivo de Feijoo e o futuro Plan do Litoral, posto a patronal da construción saíu encantada da reunión co presidente da Xunta.

Pola súa banda, desde Amigos da Terra aseguran que todos e cada un de nós temos a responsabilidade e o poder para cambiar as cousas, así como o deber de transmitir ao novo goberno da Xunta de Galicia as nosas inquietudes e preocupacións en temática ambiental. Por este motivo, hoxe, no xardín xaponés, situado á beira da Subdelegación do Goberno de Ourense, en horario de 12 a 13 horas e de 18 a 20 horas, porán unha mesa informativa coa que queren tomarlle o pulso á rúa, saber cales son os problemas medioambientais que preocupan máis á xente, e así mesmo que cada quen tome conciencia de que todos podemos facer algo e da importancia dos compromisos persoais.

 

Sociedade