Os ERTES confinan os nosos dereitos

Os ERTES confinan os nosos dereitos
23 de Marzo, 2020 - 11:16 h. | Publicada por Radio Fene

A CIG informa que noutros estados europeus estanse dando permisos retribuídos e poñendo en marcha un fondo de compensación. O sindicato nacionalista pídelle á Xunta que faga valer as súas competencias.

ESCOITA O PODCAST:

“Pechar todas as actividades agás as imprescindibles para loitar contra a pandemia, porque o único importante é salvar vidas”  defende o secretario xeral da CIG. Paulo Carril declarou a Radio Fene que as medidas “urxentes” chegan tarde,  son inxustas e insuficientes. Cando fala de inxustas refírese á maioría dos traballadores e traballadoras cuxas empresas se acolleron aos ERTES porque, dí, non se garante a percepción dos ingresos nin se garante o dereito de poder exercer os coidados na casa de crianzas e maiores. Afirma Carril que noutros estados europeus estanse dando permisos retribuídos e se pon en marcha un fondo de compensación porque é a fórmula máis acaída e sinxela para resarcir ás empresas.

Para o secretario xeral da CIG, o que pasou ata agora foi un caos. Empezando porque o estado de alerta non definiu en qué términos se daba o confinamento obrigatorio. “Todo o que ten que ver cos ERTES confina os nosos dereitos e promove os abusos patronais” afirma Paulo Carril, quen se pregunta qué vai pasar cando isto remate. O impacto no emprego en Galicia é total coa presentación dun número de ERTES tan elevado. As políticas públicas, afirma Carril, serán moi necesarias para reactivar a economía.

Polo momento, a CIG presentou unha denuncia polo incumprimento do estado de alarma naqueles centros nos que se obriga a ir a traballar sen tomar as medidas oportunas. Rebaixáronse, dí, as medidas de seguridade porque o que importaba era vender. Pon como exemplo as avalanchas producidas nas áreasde alimentación o primeiro sábado despois de decretarse a alarma.

A CIG critica tamén que a Xunta de Galicia non estea a exercer as súas competencias, decretando as medidas que estime oportunas. Conclúe que faltan respostas das empresas e da Administración para ganar á pandemia.

(Foto de arquivo. Paulo Carril)

Sociedade

Publica o teu comentario agora