Os familiares de enfermos de alzheimer piden que se “coordinen os esforzos” na loita contra a doenza

Os familiares de enfermos de alzheimer piden que se “coordinen os esforzos” na loita contra a doenza

21 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

“Cómpre coordinar os esforzos sanitarios e sociais na loita contra o alzheimer”, defendeu nos micrófonos de Radiofusión o presidente da asociación que agrupa en Galicia aos familiares dos que padecen esta doenza. Para Juan Carlos Rodríguez Bernárdez esta é a principal reivindicación á que fai referencia o lema co que este ano que conmemora o día mundial desta enfermidade: Xuntos podemos.

Ao redor de 50.000 galegos sofren alzheimer. Unha cifra oficial que, alertan os expertos, non reflicte toda a realidade do impacto da enfermidade na sociedade actual. O número duplicaríase se contásemos os enfermos non tratados, xa que se calcula que máis da metade das persoas que padecen unha demencia en Galicia están sen diagnosticar. Ademais, tendo en conta que se trata dunha das chamadas “enfermidades sociais”, non só hai que falar de doentes, senón de afectados, categoría na que se incluirían os familiares de persoas con alzheimer. Un maior apoio institucional para ese entorno familiar dos doentes é, precisamente, unha das reivindicacións deste 21 de setembro. Segundo o presidente da Asociación Galega de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAGA), precisan desde axudas económicas ata programas de formación sobre as características da enfermidade. Juan Carlos Rodríguez Bernárdez tamén falou nos micrófonos de Radiofusiòn de necesidades como ampliar a rede de centros de día, crear unidades terapéuticas, apoiar a investigación científica e traballar na prevención da doenza.

Sociedade