Os farmacéuticos detectan un frecuente uso incorrecto dos ansiolíticos

Os farmacéuticos detectan un frecuente uso incorrecto dos ansiolíticos

05 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Medicamentos para a ansiedade ¿cando, como e ata cando? Estas preguntas, coas súas correspondentes respostas, son as que lanza o Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña. Os profesionais detectan que cada vez máis persoas realizan un uso incorrecto dos ansiolíticos e, para evitalo, poñen en marcha unha campaña divulgativa.

As benzodiacepinas son un grupo de medicamentos que se usan para trastornos de ansiedade ou insomnio e só deben tomarse baixo prescrición facultativa. Non obstante, os farmacéuticos alertan de que son moitas as persoas que acoden aos seus establecementos con intención de automedicarse ante o nerviosismo e a tensión producidos polo estrés da vida diaria. Tamén detectan que resultan habituais os usos incorrectos e, nesa liña, lembran que os ansiolíticos non deben tomarse en maior cantidade do indicado, nin ser prolongados máis tempo do recomendado, nin abandonados de súpeto.

A campaña inclúe tamén algunhas recomendacións sobre a modificación de estilos de vida, xa que as benzodiacepinas alivian só os síntomas da ansiedade ou o insomnio, pero non actúan directamente sobre as causas dos problemas. Para aqueles que teñen dificultades para conciliar o sono, os farmacéuticos aconsellan evitar actividades estimulantes nas dúas horas anteriores a deitarse, evitar ler ou ver a tele no cuarto, eludir a sesta ou erguerse sempre á mesma hora. Con respecto ás situacións de ansiedade, os profesionais recomendan aprender a percibir o estrés como algo positivo que permite solucionar problemas, establecer prioridades na resolución de asunto e tratar de ser flexibles e adquirir capacidade de adaptación aos cambios.

Sociedade