Os fondos europeos para Sillobre

Os fondos europeos para Sillobre
15 de Xullo, 2020 - 12:51 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene dedica o plan de camiños da AGADER a mellorar as pistas de acceso a seis parcelas agrogandeiras en Sillobre.

O Concello de Fene investirá algo máis de 31.300 euros na reparación de dúas pistas municipais situadas en Sillobre. As obras levaranse a cabo nun tramo de camiño situado no lugar do Picoto e nunha vía que discorre paralela á ladeira leste do monte Marraxón. En conxunto suman 615 metros de distancia e o seu arranxo acometerase con financiamento de fondos europeos, ministeriais e autonómicos xestionados pola AGADER a través do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-21.

O coñecido comunmente como "Plan de camiños" é un programa que se leva desenvolvendo varios anos para mellorar pistas e vías polas que se serven explotacións agrícolas e gandeiras. Ese é un requisito principal para poder acollerse a el, e a partir de aí os concellos poden optar ás axudas presentando proxectos para calquera punto do seu territorio sempre que respecten esa finalidade.

En virtude da convocatoria, o Concello de Fene redactou en marzo deste ano dúas actuacións na parroquia de Sillobre que beneficiarán as actividades relacionadas co sector primario, pero tamén os desprazamentos da veciñanza en xeral.

A primeira das obras consistirá en acondicionar o camiño do Picoto, que conecta este núcleo co eixo A Rabadeña-Buio, reparado con cargo ao mesmo programa no ano 2018. Os traballos neste punto centraranse en nivelar o firme ao longo de 250 metros de percorrido, na limpeza das gabias e, como remate, no reforzo da superficie con saburra ben compactada.

Neste caso desbotouse o asfaltado ou o aglomerado como solución técnica por mor do uso puntual que se lle dá ao camiño e pola dificultade para incrementar a súa largura. Por outra banda, na súa parte inferior a vía está literalmente encaixada entre construcións e na superior cumpriría facer un importante recheo para axeitar o seu nivel ao da estrada da Rabadeña, razóns que levaron ao Concello a tirar pola opción máis equilibrada entre custe, mantemento e uso. O camiño do Picoto é acceso principal para dúas fincas asociadas a actividades agrogandeiras.

A outra obra acollida ao plan de camiños da AGADER si levará firme aglomerado. Trátase dunha pista en Marraxón cunha distancia total de 395 metros que dá servizo a catro leiras de uso agropecuario e tamén a varias vivendas. A estrada xa estaba asfaltada, aínda que con numerosos desperfectos e tramos coa terra á vista. Agora botaráselle unha nova capa de maior grosor e resistencia, ao tempo que se prepararán gabias e taxeas.

O importe total das obras para estes dous proxectos está cifrado en algo máis de 31.300 euros, cofinanciados na súa totalidade con fondos FEADER, do Ministerio de Agricultura e da Xunta. O Concello prevé licitar o contrato nos próximos días.

Institucional

Publica o teu comentario agora