Os maiores de Ferrol fanse oír

Os maiores de Ferrol fanse oír

12 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Baixo o lema “A realidade social dos maiores de Ferrol”, arrinca o vindeiro luns unha nova edición da Semana dos Maiores, organizada pola Unión de Pensionistas, Xubilados e Prexubilados da UXT, en colaboración coas Concellerías de Benestar Social, Participación Cidadá e Sanidade. As xornadas prolongaranse dende o luns 16 ate o venres 20 de novembro e concluirán cun Pleno Extraordinario Municipal dos Maiores na Casa do Concello. Ata 16 as

Os maiores contribúen ao sostemento da economía familiar, axudan aos fillos e colaboran no coidado dos netos. Tamén participan, sobre todo as mulleres, no coidado doutros maiores. Pero ademais contribúen á promoción do envellecemento activo, son xeradores de riqueza no campo da Atención Social e contribúen á economía nacional a través dos Programas de Vacacións e de Termalismo Social do Inserso. É por iso que se organiza esta Semana dos Maiores con tres obxectivos fundamentais: procurar a independencia das entidades que traballan coas persoas maiores; crear e ampliar os vencellos de colaboración destas mesmas sociedades coas administración públicas e entidades privadas que se ocupan da cuestión social; e xa por último, fomentar o envellecemento activo entre a poboación.

A Semana dos Maiores de Ferrol celebrarase este ano no Centro Cultural Carvalho Calero, por onde pasarán ao longo da vindeira semana profesionais de distintos campos, dende o da saúde ate o ámbito xudicial. Tamén participarán representantes de partidos políticos e sindicatos e membros de distintas asociacións.

As xornadas comezarán o luns cunha conferencia e posterior mesa redonda sobre o Pacto Social entre o Concello de Ferrol e os seus maiores. A partir de aí, dende o luns ata o venres, falarase do sistema de pensións públicas, da Lei da Dependencia, dos dereitos legais e constitucionais que lles dan cobertura ás persoas maiores e do envellecemento activo.

Sociedade