Os mellores perruqueiros caninos en Narón

Os mellores perruqueiros caninos en Narón

24 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Logo de acoller a pasada fin de semana a quinta Mostra da Camelia, o centro comercial Dolce Vita Odeón será o escenario a vindeira fin de semana dunha nova edición do Campionato Galego de Perrucaría Canina. E un ano máis, ao fronte do certame está Juan Chedas, presidente da Asociación Nacional de Perrucaría Canina ademais de profesor desta disciplina na Facultade de Veterinaria de Lugo.

Cun seminario de perrucaría comercial, dirixido especialmente a profesionais do sector, arrinca o vindeiro sábado en Narón o sexto Campionato Galego de perrucaría canina. O certame incluirá, como nas edicións anteriores os habituais apartados de perrucaría comercial, de corte a tesoira e de stripping (unha das modalidades de corte máis complexas e que se adoita empregar para determinadas razas como schnauzers ou terriers). Ademais incluirá, como novidade, unha serie de stands onde se farán demostracións e se poderán adquirir algúns dos máis novidosos productos que se están a empregar en perrucaría canina, dende cepillos a bañeiras de hidromasaxe. O evento concluirá cunha exhibición de moda para cans, un desfile que, segundo Juan Chedas, vai chamar moito a atención por canto se vai presentar en Narón logo de ter acadado un grande éxito nunha pasarela de Nova Iork.  

O VI Campionato Galego de Perrucaría Canina desenvolverase durante a fin de semana, sábado e domingo, no Centro Comercial Dolce Vita Odeón, en horario de mañá e tarde.

Sociedade